O Museo racionalizará as compras de pezas e as doazóns e depósitos que recibe

Pontevedra
01 de outubro 2020

O Consello Asesor reuníuse este mércores para establecer o procedemento e os criterios a seguir para aumentar os fondos da institución

A Virxe do Leite recupera a súa cabeza orixinal
A Virxe do Leite recupera a súa cabeza orixinal / Mónica Patxot

O Museo de Pontevedra vai dispoñer en breve dun ‘Protocolo de incremento patrimonial’ que pretende "racionalizar" as compras de pezas e as doazóns e depósitos que recibe para ampliar os seus fondos. Este asunto tratouse este mércores na reunión do Consello Asesor do Museo, que puxo sobre a mesa a necesidade de "coidar a política de coleccións" e apostar por un incremento racional para crear un acervo significativo e de referencia.

Segundo explica o director do Museo, Xosé Manuel Rey, o Museo dispón do legado da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, e tamén se debe facer cargo das adquisicións ou depósitos ordenados pola Consellería de Cultura e Turismo nas intervencións arqueolóxicas no territorio provincial. Así mesmo, cada ano o Museo recibe propostas de doazóns de obras e documentación de moi diferente tipoloxía que se unen aos fondos existentes e pasan a ser de titularidade pública.

Na reunión do Consello Asesor púxose sobre a mesa o borrador dun novo "Protocolo de incremento patrimonial do Museo de Pontevedra" que deberá adoptar agora a forma xurídica que marque a Secretaría da Deputación e ser aprobado oficialmente.

Establécese que para aceptar unha peza o equipo técnico do Museo (integrado pola Dirección e as e os conservadores) deberá realizar un informe-proposta para valorar os ofrecementos dos particulares, analizando o seu encaixe nas coleccións e propondo a súa aceptación ou non en virtude do seu interese. Ese informe levarase ao Consello Asesor do Museo de Pontevedra para que se pronuncie e incluso, en casos de especial complexidade, invitanranse persoas especialistas ou expertas para que expoñan a súa visión.

Algunhas das últimas incorporacións ao Museo foron unha Virxe do Leite do século XV, doazón da familia Núñez Sobrino, que chegara cunha cabeza que non lle correspondía e, logo dunha restauración, fica exposta nunha das salas. Outro exemplo é a colección de fotografías e documentos sobre monumentos románicos de toda Europa entregada como herdanza por un cirurxián francés das Rutas Cicloturísticas do Románico.