O pintor Francesc Torres será un dos participantes da recuperada Bienal de Arte.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, confirmouno este luns despois de recibir no Museo de Pontevedra ao artista, con quen percorreu o Edificio Castelao e a exposición 'A Era das Fábulas'.
A XXXIII Bienal de Arte de Pontevedra, que regresa despois de 35 anos e terá lugar na Boa Vila entre o 15 de xuño e 30 de setembro de 2025, atraerá a artistas destacados como Francesc Torres e a outros moitos de relevancia internacional, promovendo o intercambio cultural con propostas artísticas innovadoras, ofrecendo un espazo para a experimentación e a creatividade, e integrando á cidade no evento, fomentando a participación e o desfrute da arte por parte de toda a veciñanza.
Francesc Torres (Barcelona, 1948) traballou de aprendiz no obradoiro de impresión do seu pai e formouse como artista gráfico. En 1967 mudouse a París onde continuou os seus estudos na École des Beaux Arts e converteuse en asistente do artista Piotr Kowalski. Durante este período, comezou a súa obra de liña industrial.
Regresou a España en 1970 para facer o servizo militar obrigatorio e tempo despois mudouse a Chicago, onde realiza a súa primeira exposición individual, e a Nova York onde residiu ata 2001. Ten realizado exposicións en numerosos países do mundo e en 1991 o Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía de Madrid ten realizado unha retrospectiva da súa obra.