O pintor pontevedrés José María Barreiro repasa a súa carreira cunha exposición no Sexto Edificio

Pontevedra
07 de febreiro 2015

Na exposición, que foi inaugurada este venres entre outros polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, poderanse contemplarse cadros que van dende a súa adolescencia pontevedresa aos seus anos mozos en París e Bos Aires, para rematar coas súas obras en Santa María de Cela, engadíndolle ás súas pinturas unha serie de esculturas que complementan a exposición

Inauguración da exposición do pintor José María Barreiro no Sexto Edificio do Museo

O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra exhibe ata o próximo 15 de marzo unha exposición que recolle as obras do pintor pontevedrés José María Barreiro, nacido en Forcarei. Nesta mostra, que leva por título BARREIRO: Santa María de Cela, un entorno máxico, faise un percorrido pola súa vida a través dos seus cadros.

Na exposición, que foi inaugurada este venres entre outros polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, poderanse contemplarse cadros que van dende a súa adolescencia pontevedresa aos seus anos mozos en París e Bos Aires, para rematar coas súas obras en Santa María de Cela, engadíndolle ás súas pinturas unha serie de esculturas que complementan a exposición.

Avalado por máis de medio século de traballo artístico e convertido xa nunha referencia identitaria do que foi a pintura galega máis recoñecible no ámbito internacional, José Barreiro afronta hoxe o seu papel coa paixón dos clásicos. Para Barreiro, Santa María de Cela é traballar no taller totalmente tranquilo, relaxado, sen présas, gozando dunhas vistas marabillosas, unha casa de aldea nun lugar privilexiado e lonxe das visitas inesperadas.

Séntese moi cómodo, debuxa, pinta, fai escultura, música, xoga co seu can, atende ás galiñas e coida das plantas que son para el unha tarefa máis que relaxante gozando de cando en vez do viño de Cela. Un viño suave, fresco, transparente, harmonioso, con lixeiro sabor a amorodo. Un viño de trago longo para un bo cocido, matiza, e por todo isto Santa María de Cela é un ámbito máxico, segundo explicou o propio autor.

A maxia non se explica, para entendela hai que achegarse á costa de Bueu, descubrir por que as meninas decidiron trasladarse alí para habitar entre palmeiras e camelias, para charlar con Laxeiro, Cunqueiro ou Castroviejo, entre evocacións dun pirata; para saboreala hai que fondear na manancial do xardín da casa, beber unha cunca de tinta femia, descubrir a fábrica de cores e abrir os ollos ao que se nos ofrece, enmarcado, nunha ventá prodixiosa.

Por todo iso, a obra de Barreiro non só responde a unha forma de pintar, senón a un xeito de concibir a vida, a cultura, o país e o mundo no que se desenvolve: unha riquísima fonte de experiencias persoais que logran radiografar a autenticidade da súa vida, a conciencia da circunstancia orteguiana, pero tamén a mellor expresión dos acontecementos que vivimos día a día. 

 A exposición está comisariada por Celestino Lores e conta con textos do autor e de X. Antón Castro e Alberto Barciela.