O pontevedrés Guillermo Cerviño Porto adéntrase no terror psicolóxico coa novela "Miserable"

Pontevedra
14 de novembro 2020

"Hai unha tensión e unha incerteza que é moi difícil de conseguir xa que non sempre depende do escritor, senón dos caprichos da propia historia", explica Guillermo Cerviño, que asegura que o libro traslada ao lector a unha atmosfera escura e chea de misterios

Guillermo Cerviño Porto
Guillermo Cerviño Porto / Letrame Editorial

Adán esperta encerrado nun lugar terrorífico sen lembrar nada. Como chegaría ata alí? Que sucederá? Ese é o punto de partida de Miserable, a nova novela do escritor pontevedrés Guillermo Cerviño Porto. 

Con este libro, editado por Letrame Editorial, o autor adéntrase no terror psicolóxico cunha historia ambientada en Londres e chea de tensión e misterio.

"Hai unha tensión e unha incerteza que é moi difícil de conseguir xa que non sempre depende do escritor, senón dos caprichos da propia historia", explica Guillermo Cerviño, que asegura que o libro traslada ao lector a unha atmosfera escura e chea de misterios.

O escritor pontevedrés protagonizou o seu debut literario coa obra Los secretos de Sara e, desde entón, publicou relatos en diferentes antoloxías e unha recompilación de relatos de terror titulada Historias extraordinarias.

Ademais, escribiu unha serie de historias curtas de ficción, terror e actualidade tituladas La voz de lo inerte, publicadas por PontevedraViva no verán de 2015.