O Premio do Público Culturgal 2017 é para Play-Doc, festival documental de Tui

Pontevedra
28 de novembro 2017

O festival documental de Tui gañou nas votacións ás outras dúas candidaturas: FIOT Carballo e Portal das Palabras. Desde o día 13 ata o 27 de novembro máis de 1.200 persoas votaron neste concurso

Público en Play-Doc
Público en Play-Doc / Tamara de la Fuente - Play-Doc

O Festival documental de Tui, Play-Doc, converteuse no gañador do Público Culturgal 2017con 678 votos, impoñéndose ás outras dúas candidaturas, o FIOT de Carballo e o Portal das Palabras.

Desde o 13 ata o 27 de novembro máis de 1.200 persoas participaron nas votacións da edición deste ano entre as tres propostas que percorrían ámbitos como a lexicografía, as artes escénicas e o cinema documental.

O  Play-Doc é un festival anual de primavera que transforma a vida cultural de Tui e convértese nunha referencia internacional, ante a proximidade xeográfica de Portugal. 8.000 persoas móvense ao redor desta cita co cinema documental e independente e a asociación Best Filme Series de New York escolleu este festival como unha das dez citas cinematográficas máis excitantes do mundo.

Ademais converteuse nun referente para o movemento denominado Novo Cinema  Galego, con creadores como Oliver Laxe, Xurxo Chirro, Lois Patiño e Eloy Domínguez.

Este evento cultural celebrará en 2018 a décimo cuarta edición, sempre baixo a dirección de Sara García e de Anxo Sánchez. O premio será entregado nun acto festivo no Culturgal o domingo 3 de decembro ás 17.45 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra. 

Arquivado en