O rock infantil de Furious Monkey House enche a sesión vermú de Karma

Pontevedra
07 de xuño 2014

A nova banda ten a peculiaridade de que os seus integrantes teñen 9 e 10 anos. Tres rapazas e un rapaz que se presentaron en sociedade cun proxecto de rock infantil, pero cunha forza que ben quererían moitos afeccionados adultos. Para os que non puideron gozar do debut, haberá unha segunda oportunidade de velos durante o festival Surfing The Lérez 2014

Concerto de Furious Monkey House na Sala Karma
Concerto de Furious Monkey House na Sala Karma / Diego Torrado

A sala Karma abriu este sábado a un horario inusual para os seus concertos, a sesión vermú, e triunfou coa aposta. O público abarrotou a sala e entregouse cual groupies das bandas máis consolidadas para dar a benvida ao panorama musical Furious Monkey House.

A nova banda ten a peculiaridade de que os seus integrantes teñen 9 e 10 anos. Tres rapazas e un rapaz que se presentaron en sociedade cun proxecto de rock infantil, pero cunha forza que ben quererían moitos afeccionados adultos.

A sesión vermú abriuse ás 13.00 horas e unha vez que o ambiente estivo xa ben caldeado saltou ao escenario Neira como entrante, con cancións en solitario afastadas das propostas da súa banda MLK. Media hora despois, desatouse o furor, saltou ao escenario a banda máis nova que pasou por Karma e Mariña, Irene, Carlota e Lucas, acompañados polo seu mono furioso, metéronse a todos no peto.

Para os que non puideron gozar do debut, haberá unha segunda oportunidade de velos durante o festival Surfing The Lérez 2014.