A programación desta vixésimoquinta edición do Salón do Libro está a ter unha resposta do público que supera as previsións. Esta circunstancia fixo que se recoloquen as sesións vespertinas dos contacontos de forma que en lugar da zona da biblioteca pasarán ao edificio do Recinto Feiral.
Os espectáculos da pasada fin de semana esgotaron as algo máis de setecentas entradas dispoñibles e as reservas para as actividades da próxima fin de semana, os días 7, 8 e 9 marzo, case se esgotaron de forma que só quedan algunhas prazas para os talleres do MUVI para venres e sábado. As prazas que quedan libres son as que se reservan presencialmente e só requírese acudir uns minutos antes do inicio da actividade ao lugar no que se desenvolve.
En referencia a esta programación da fin de semana tamén se prevén actividades que non requiren reservas e son de acceso libre ata completar o aforo. Nestas inclúese para o venres ás 18.00 horas o espectáculo de maxia ‘Fábrica de feitizos e igualdade’ a cargo da Maga Fani; o sábado ás 12.30 horas ‘Un saco de contos’ de Ángeles Goás e ás 18.00 horas contos con música de ‘Little neno descobre os Rolling Stones’. E o domingo de 10.00 a 12.00 horas o contacontos 'Natureza máxica’ de Carballo con Botas e sesión de cinema no Principal. Pola tarde ás 17.30 horas espectáculo musical 'Palabras' de Baobab Teatro e ás 18.30 horas ‘Contos eléctricos’ con Rock Lab.
Completan a fin de semana tres propostas cunha entrada de 3 euros. Serán no Pazo da Cultura ás 19.00 horas. Para o venres espectáculo de Odaiko, o sábado Pedro Volta e o domingo o espectáculo de teatro e clown 'Paura' da compañía Lucas Escobedo.