O SonRías Baixas 2021 vive o seu momento álxido co rap de Kase.O e SonDaRúa

Bueu
08 de agosto 2021

A penúltima xornada, prato forte do festival budetense, contaba coas súas entradas esgotadas desde había dous meses

Concerto de Kase.O no Festival SonRías Baixas 2021 Rocío Cibes / SonRías Baixas

O Festival SonRías Baixas 2021 encara a súa recta final en Bueu despois de vivir e gozar o sábado cun dos seus momentos máis esperados, o concerto do rapeiro Kase.O e da banda galega SonDaRúa.

Era a xornada grande do festival, como demostraba o feito de que as entradas se tiñan esgotado dous meses atrás, e o público do Recinto Multiusos da Estacada gozou como nas súas mellores noites, a pesar de contar con aforo reducido e sentado para cumprir o protocolo de prevención contra a covid.

Os primeiros en subir ao escenario foron SonDaRúa, unha das agrupacións de maior proxección do panorama galego tirando de ironía e tradición dentro dun  hip-hop reivindicativo, todo coas voces de Hugo Guezeta e Álex Arnoso e con  That Bass como DJ.

Despois chegáballe a quenda ao rapeiro Kase.O, fundador do grupo Violadores del Verso e que celebra este ano o décimo aniversario do seu proxecto en solitario Jazz Magnetism.

Tras o  subidón do penúltimo día do SonRías Baixas, o festival despídese este domingo con outro 'sold out', da man de Muerdo e La Pegatina.