Considerado por moitos como o mellor rapeiro en lingua hispana do mundo, Kase.O vén de converterse na primeira confirmación para o SonRías Baixas 2020. O festival, que chega á súa maioría de idade, celebrarase en Bueu os días 30 e 31 de xullo e o 1 de agosto.
Kase.O será, polo tanto, un dos grandes atractivos da décimo oitava edición do festival. Icona do hip hop non comercial en español desde hai máis de vinte anos, ofrecerá en Bueu unha das poucas oportunidades para gozar en directo con "El último tramo", a xira de despedida do seu último disco, El Círculo.
Con esta proposta máis persoal, sincera, valente e arriscada, o ex integrante dos míticos Violadores del Verso conseguiu un disco de ouro, foi nomeado aos Grammy Latino e bateu récords de asistencia nos grandes recintos de concertos de toda España.
Os abonos para o festival seguen á venda, xa por un prezo de 33 euros máis gastos, na páxina web do SonRías Baixas.
O SonRías Baixas afrontará unha edición que pretende avanzar un paso máis a partir dun modelo xa consolidado, co obxectivo de chegar a un público máis amplo, sen perder a esencia dun festival que nos últimos anos ten conquistado o público de Galicia e do resto do Estado coa súa singular proposta de música, gastronomía e praia.
O pasado verán, más de 22.000 persoas gozaron coa programación musical de calidade, festiva e reivindicativa que ofreceu o festival.