Xa está aquí o Surfing the Lérez. O gran día do festival será o vindeiro sábado 16 de xuño pero, desde este mesmo mércores, o seu espírito xa alaga a cidade de Pontevedra.
A Sala Karma acolleu os dous primeiros concertos da programación do festival. Fogbound e o dúo formado por Esteban y Manuel foron os primeiros en subir ao escenario nesta edición de Surfing the Lérez.
Antes de que a música chegue á Illa das Esculturas, este xoves The Manueles actuará no Pequeno e Matt and the Peabody Ducks farao en Sala Karma. Unha xornada infantil por rúas e prazas da cidade, que terá lugar o venres, quentará motores para a gran cita do sábado.
Ángel Stanich, Terbutalina, Agoraphobia, The Lákazans, Eladio y los seres queridos, La casa de los ingleses ou Furious Monkey House, que están a piques de editar o seu segundo disco, serán algunhas das bandas que actuarán o sábado.
Ademais, aos dous escenarios do festival subirán Flip Corale, Oh! Ayatoláh, The Trunks, Soul Macklein & Possitive Band, Escuchando elefantes, The Limboos, Mad Martin Trio e a música de La Duendeneta.
Un terceiro escenario, protagonizado polos pequenos artistas do Estudo Bonobo, contará con 180 nenos e nenas. Haberá tamén obradoiros, unha zona infantil, un mercadillo de creadores e unha ampla oferta gastronómica de foodtrucks.
Surfing the Lérez terá, como todos os anos, unha vertente solidaria. A entrada é gratuíta pero a organización pide aos asistentes que doen alimentos para a Rede Axuda. Por primeira vez, tamén se poderán recoller tapóns a través da Taponeta Solidaria, para financiar o tratamento de nenos con discapacidades.