O Surfing The Lérez, todo un fenómeno de masas... para toda a familia

Pontevedra
16 de xuño 2018

Adultos, nenos, mascotas. Todos teñen cabida nun festival Surfing The Lérez que este sábado volveu a demostrar o seu gran poder de convocatoria alagando de público a Illa das Esculturas

Surfing The Lérez 2018
Surfing The Lérez 2018 / Diego Torrado

Adultos, nenos, mascotas. Todos teñen cabida no Surfing The Lérez. E se aínda por encima o ceo regala unha xornada estival de sol e calor o éxito no festival está asegurado.

A Illa das Esculturas alagouse de público este sábado na xornada grande do evento. Desde o mediodía a afluencia ao seu privilexiado enclave foi numerosa, como sempre coa asistencia moi familiar e relaxada que converteu ao Surfing en algo moi especial.

Ata 14 formacións musicais foron as encargadas de animar a xornada, desde as 12:15 horas, desfilando polos escenarios habilitados e por esta orde: Flip Corale, The Lákazans, Oh! Ayatolah, Terbutalina, Mad Martin Trío, La Casa de los Ingleses, Soul Macklein & Possitive Band, The Thrunks, Agoraphobia, Eladio y los Seres Queridos, Furious Monkey House, Escuchando Elefantes, The Limboos e Ángel Stanich.

Os menores tamén foron protagonistas no escenario da escola de artes Estudio Bonobo, ademais de poder gozar de obradoiros e actividades.

Se lle sumamos un mercado de creadores ou os foodtrucks temos a receita dun festival que se consolidou por méritos propios no calendario festivo da cidade.

Como cada ano, o Surfing The Lérez colaborou con RedeAxuda organizando unha recollida solidaria de alimentos e artigos de primeira necesidade.