Ollar e desfrutar ollando traxes tradicionais

Marín
25 de novembro 2017

Do 18 ao 30 de decembro, poderase desfrutar no salón de plenos do Concello de Marín da exposición "Indumentaria tradicional galega e a súa perpetuación no tempo"

Exposición "Vestidos con pincel, cosidos con agulla. Traxes tradicionais galegos" no Edificio Sarmiento
Exposición "Vestidos con pincel, cosidos con agulla. Traxes tradicionais galegos" no Edificio Sarmiento / Mónica Patxot

Do 18 ao 30 de decembro, poderase desfrutar no salón de plenos do Concello de Marín da exposición  "Indumentaria tradicional galega e a súa perpetuación no tempo".

Organizada pola asociación Gaiteiros Os D'algures coa colaboración da asociación etnográfica Sete Espadelas, esta exposición pretende ser un punto de encontro entre xentes namoradas do traxe tradicional galego e as nosas costumes, entendida a vestimenta tradicional non só como parte do patrimonio cultural inmaterial, senón tamén como reclamo de cara a eses galegos residentes fóra da súa terra e a outros amantes do traxe tradicional en xeral.

A exposición consta de  11 traxes colocados en maniquís que son reproduccións fidedignas de 11 cadros custodiados polo Museo de Pontevedra, nos que se reflicten personaxes que aparecen vestidos co traxe tradicional galego. Cada un levará o cartaz coa información das obras plásticas e os pintores, así coma un panel descritivo das distintas pezas que conforman os traxes expostos.

Este proxecto expositivo está feito con dous fins: ollar e desfrutar ollando.

O día da inauguración da mostra, o luns 18 as  20 horas, haberá una conferencia a cargo dos comisarios da exposición: José Luis Rodríguez Alvarez, presidente da Asociación Os de Algures, e David Quiñones Vázquez, presidente da Asociación Setespadelas, co título "A indumentaria tradicional dos galegos e a súa perpetuación no tempo".

Fárase un percorrido dende o século XVIII ata o XX mostrando a evolución do traxe tradicional co apoio de documentos plásticos e literarios, ademáis dunha ollada rápida aos gravados, aos pintores, ao cartelismo e como non, aos poetas que tan ben describiron o traxe tradicional.