A agrupación de gaiteiros Os de Algures estreaba este domingo unha nova produción no Teatro principal ante numeroso público. Baixo o título de 'O soño da tecedeira', con texto de Miguel Anxo Mouriño, a montaxe conta a historia dunha tecedoira preocupada polo futuro da súa filla, unha moza que quere casar cun gaiteiro e que vive só pensando en cantar.
Máis de 50 artistas, entre músicos, bailaríns e intérpretes teatrais subían ao escenario para ofrecer un espectáculo en que a escenografía recreaba a entrada dun pazo e os arcos do convento das Ruínas de San Domingos.
As voces solistas de Begoña Lorenzo, Ruberto Cabarcos e Xulio Dezagoire coincidiron en escena coa música dos gaiteiros de Os de Algures, as pandereteiras de Celme e Solimán, con bailaríns do Ballet Folclórico Galego, con cinco actrices da Aula de Teatro Municipal de Pontevedra e cun amplo número de figurrantes, vestidos pola asociación SeteEspadelas.
Ao espectáculo acudiron as concelleiras da corporación María José Rodríguez Teso e Aurora Cañizares, do Partido Popular, así como Pilar Comesaña e Carmen Fouces, do grupo de goberno do BNG. A responsable de Cultura recibiu un agasallo por parte da agrupación organizadora, que preside José Luis Rodríguez, en agradecemento ao apoio amosado polo Concello a este espectáculo.
Carmen Fouces agradeceu aos participantes o esforzo realizado na posta en escena deste proxecto etnográfico ao redor dun vello tear que a asociación SeteEspadelas adquiriu en Guitiriz coa sopresa de atopar entre as súas pezas un sobre con 25.000 pesetas.