Non adoita ser habitual que unha película galega se sitúe como a máis vista da taquilla, nalgúns cines mesmo por encima de superproducións de Hollywood como Wonder Woman 1984. Pois iso é o que logrou Ons, a nova película de Alfonso Zarauza.
Esta noticia coincide cos dous pases que puido ver o público pontevedrés no Teatro Principal, ambos coas entradas esgotadas desde hai días.
Á sesión deste martes acudiu o director da película, acompañado de dous dos seus protagonistas, os actores Xúlio Abonjo e Melania Cruz, que participaron nun coloquio posterior á proxección do filme, que desatou os aplausos dos espectadores.
O público de Pontevedra, igual que no resto de Galicia onde está en cartel, respondeu de maneira moi positiva a esta película, rodada integramente na illa de Ons.
É un drama emocional con toques de misterio protagonizado por un matrimonio en crise que trata de salvar a súa relación vivindo unha tempada na illa e cuxo destino se cruza co dunha muller amnésica que aparece naufragada na praia.
Ons está dispoñible en salas de Vigo, A Coruña, Santiago, Lugo, Ferrol, Marín, A Estrada e Caldas de Reis, así como en Madrid e Barcelona. A próxima semana incorporaranse a esta lista, entre outras, salas de Narón e Palma de Mallorca.
Esta película é a quinta longametraxe de Alfonso Zarauza, un dos cineastas galegos máis sólidos e experimentados, tras A noite que deixou de chover (2008), Encallados (2013), Os fenómenos (2014) e A viaxe dos Chévere (2014).