Ópera, swing, jazz... todos os estilos musicais, a pé de rúa en 'Paseantes'

Pontevedra
29 de xullo 2015

As prazas da Leña, A Peregrina, A Verdura, Ourense, Méndez Núñez, Teucro e Abastos e a rúa Peregrina serán escenario este venres 31 de xullo e este sábado 1 de agosto dunha proposta musicial innovadora na cidade: 'Paseantes'. Trátase de itinerarios musicais que estarán a pé de rúa, abertos a todos os cidadáns e pensados para integrar a música co modelo urbano de Pontevedra

Carme da Silva, concelleira de Festas
Carme da Silva, concelleira de Festas / Mónica Patxot

As prazas da Leña, A Peregrina, A Verdura, Ourense, Méndez Núñez, Teucro e Abastos e a rúa Peregrina serán escenario este venres 31 de xullo e este sábado 1 de agosto dunha proposta musicial innovadora na cidade: 'Paseantes'. Trátase de itinerarios musicais que estarán a pé de rúa, abertos a todos os cidadáns e pensados para integrar a música co modelo urbano de Pontevedra.

En horario de mañá e tarde-noite, de 12.00 a 14.00 horas e de 20.00 a 23.00 horas, os espazos públicos da cidade encheranse de música de distintos estilos musicais que van dende a música contemporánea e de cine ao swing, jazz, electrónica, tradicional ou ópera. Serán só dous días de actuacións que se integran no programa de Festas de Verán, pero a intención do Concello é xa consolidar a proposta e ampliar os seus días de duración en sucesivas edicións.

A iniciativa busca "sorprender ás persoas que van pola rúa" a través de "montaxes áxiles e sinxelos" que, segundo a concelleira de Festas, Carme da Silva, implica pouco tempo para prepararse e, polo tanto, mantén o factor sorpresa. Ademais de 'pillar' por sorpresa a quen camiña pola rúa ou goza dunha terraza, 'Paseantes' permitirá ás persoas coñecedoras da programación facer un percorrido pola cidade gozando de experiencias musicais variadas.

A iniciativa está organizada polo Concello e as empresas Xeneme e Nova Xestión Cultural. A responsable desta última, Cristina González, concíbeo como "unha ferramenta de dinamización da rúa e da cidade de Pontevedra", na que "se vive moito a rúa" tanto por parte dos veciños do municipio como dos visitantes, así como para abrir distintos estilos musicais ao público en xeral, estilos que moitas veces está afastados do gran público, ou darlle oportunidade de actuar a quen adoita ter difícil atopar un escenario.

O xerente de Xeneme, Diego Parajó, destacou que se trata dunha selección musical "moi ecléctica" con propostas "moi sinxelas, pero tamén moi atrevidas" que atraerá un público moi variado e convetirá a Pontevedra nun lugar de experimentación musical e cultural.

Entre os grupos que chegarán á rúa figuran as propostas de música contemporánea de Trilitrate; a cantautora Fátima Baña; o músico Mr Cool, que experimenta coa música swing dos anos 30; e a iniciativa teatralizada de Miguel Abalo e Victoria Álvarez, que apostan pola ópera. O jazz de Nacho Pérez Cuartet, a fusión de Jesús Vidal, a mestura de música electrónica e tradicional de A máquina de meter medo, as bandas sonoras de cine de A dolce vita, a música tradicional galega de Davide Salvado, as músicas do mundo de Reyner Aldana Trío e a fusión de Alfombra voadora completan o programa.