Os 'maios' e a as Letras Galegas, eventos destacados na primavera cultural de Poio

Poio
26 de marzo 2022

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, deu a coñecer este venres, acompañada pola edil de Normalización Lingüística e Memoria Histórica, a tamén nacionalista Marga Caldas, o contido da segunda edición do programa Verbas en Flor

Marga Caldas e Raquel Rodríguez
Marga Caldas e Raquel Rodríguez

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, deu a coñecer este venres, acompañada pola edil de Normalización Lingüística e Memoria Histórica, a tamén nacionalista Marga Caldas, o contido da segunda edición do programa Verbas en Flor.

Esta axenda cultural recolle un gran número de actividades e obradoiros que teñen como eixo principal a historia, a cultura e a lingua galega, e que se desenvolverán no municipio ao longo da primavera. 

O groso desas citas desenvolveranse nos centros educativos, así como no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, no Casal de Ferreirós e na Biblioteca Municipal de Campelo. 

"Verbas en Flor tamén dará cabida ás diferentes actividades e propostas que o tecido asociativo do concello porá en marcha nos vindeiros meses", engade a concelleira do BNG.

Un dos primeiros ciclos de actividades que se desenvolverán dentro deste programa son as correspondentes á conmemoración do Día da Árbore. Así, entre o luns 28 e o mércores 30 de marzo o alumnado de diferentes centros educativos tomará parte en obradoiros sobre educación ambiental, ofrecidos por O bosque na maleta. 

A campaña 'O que se dá non se quita' cobrará especial protagonismo nestes meses. Trátase dunha iniciativa para fomentar a utilización da lingua do país. Impulsaranse charlas e coloquios para axudar á mocidade a detectar e suprimir prexuízos vencellados á fala en galego. 

No apartado de memoria histórica, entre o 4 e o 18 de abril abrirase a exposición Acorda: cartografía visual da memoria de Pontevedra, á que se engaden actividades como a proxección do documental Acorda, presentado por Montse Fajardo.

Ao igual que na edición de 2021, inclúese na programación a Festa dos Maios, o Certame Literario Xaime Illa Couto e a conmemoración do Día das Letras Galegas, que este ano ten como protagonista ao escritor Florencio Delgado Gurriarán, e que incluirá a Festa das Letras, do 13 ao 18 de maio. 

O programa complétase coas proxeccións que forman parte do ciclo Mestre Mateo e con sesións de contacontos e actividades literarias, tanto na biblioteca municipal como no propio Xaime Illa.