Os máis pequenos gozan da ópera no Pazo da Cultura

Pontevedra
21 de outubro 2013

Máis de catrocentos escolares de cursos de infantil e primaria asitiron este luns á representación concertada de I´l cirque d´amore de Butterfly Ensemble e a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. A ópera infantil acadou o domingo na sesión para público familiar un grande éxito, sendo a cidade do Lérez a única que gozará en Galicia de música ao vivo

Catrocentros escolares de Pontevedra e parroquias gozaron este luns dun luxo de espectáculo que combina a posta en escena por parte dun pianista, un barítono e unha soprano de Butterfly Ensemble co acompañamento da Orquestra Filarmónica Cidade de Pontevedra, a única ópera infantil en galego I´l cirque d´amore.

O espectáculo, que contou excepcionalmente na nosa cidade con acompañamento musical ao vivo da man da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, estreouse o domingo cunha representación para público familiar á que asistiron máis de 500 persoas.

Pequenos e maiores gozaron desta ópera que incluíu no seu repertorio pezas de W.A. Mozart, G.Rossini, G.Puccini, etc. escollidas para non deixar indiferente a ningún dos asistentes que ademáis da boa música e as excepcionais voces, riron coa posta en escea.

Destinada ao público infantil e familiar, forma parte do ciclo Concertos en Familia que remata este domingo co Concerto para bebés de Paulo Lameiro. Entradas á venda en servinova en pack de 1 bebé + 1 adulto a un prezo de 12 euros (más gastos de tramitación).