Os músicos pontevedreses entregan os seus premios este sábado no Teatro Principal

Pontevedra
01 de xaneiro 2015

O Teatro Principal acollerá este sábado 3 de xaneiro, a partir das 20.30 horas, a gala de entrega da primeira edición dos premios PontevedraFerve, creados recentemente para destacar os mellores traballos da escena musical emerxente da cidade

Presentación da primeira edición dos premios PontevedraFerve
Presentación da primeira edición dos premios PontevedraFerve / Mónica Patxot

O Teatro Principal acollerá este sábado 3 de xaneiro, a partir das 20.30 horas, a gala de entrega da primeira edición dos premios PontevedraFerve, creados recentemente para destacar os mellores traballos da escena musical emerxente da cidade.

A cerimonia estará conducida por Chuvi, cantante da banda Champurrada, e nela entregaranse un total de once premios, cinco aos mellores traballos discográficos do ano e outros seis ás mellores bandas, separadas polo seu correspondente estilo.

Os principais favoritos nesta primeira edición dos premios PontevedraFerve son Vortex, que acumula un total de cinco candidaturas; Skirl e Jhonander, que compiten con catro candidaturas; e Malkeda e Thee Blind Crows, que foron nomeados en tres das once categorías.

Cada un dos gañadores recibirá unha figura deseñada pola propia asociación musical PontevedraFerve. Haberá ademais un premio honorífico, que este ano recaeu en Dismal, unha das bandas máis míticas da escena musical pontevedresa. A elección xustifícase, sinalou o xurado, en que "conseguiu crear discos, saír das nosas fronteiras e levar a música pontevedresa polo mundo dunha forma que moi poucas bandas chegan a poder facelo

A gala do Teatro Principal contará ademais con outro atractivo. Os nomeados en cada unha das categorías actuarán xuntos durante a cerimonia de entrega, como unha forma de "crear lazos" e escapar da "superficialidade" da mera competición. Todos eles levan semanas ensaiando esta inédita, e seguro que sorprendente, colaboración.