Os narcos de 'Fariña' pasean por Pontevedra

Pontevedra
13 de setembro 2017

A rodaxe da serie 'Fariña', que prepara Bambú Producciones baseada na historia do narcotráfico nas Rías Baixas, levantou este mércores gran expectación en Pontevedra ao trasladar a súa rodaxe ao centro de cidade, concretamente á Praza de España e o instituto Valle-Inclán

Rodaxe da serie 'Fariña' en Pontevedra
Rodaxe da serie 'Fariña' en Pontevedra / Mónica Patxot

Sito Miñanco, Laureano Oubiña ou Manuel Charlín pasearon este mércores polo centro da cidade. Polo menos así o fixeron os personaxes que interpretan Javier Rey, Carlos Blanco ou Antonio Durán 'Morris', protagonistas da serie televisiva 'Fariña', baseada no libro homónimo de Nacho Carretero e que conta a historia do narcotráfico nas Rías Baixas.

Aínda que non é a primeira vez que a rodaxe da serie, producida por Bambú Producciones, aterra en Pontevedra, a súa presenza na Praza de España levantou unha gran expectación.

Coches antigos da Garda Civil, o despregamento de equipo técnico e humano e sobre todo a presenza de rostros coñecidos do cinema e televisión non pasaron desapercibidos durante toda a xornada.

Un deles era tamén o actor Tristán Ulloa, que dá vida a un dos poucos personaxes ficcionados da serie, o sarxento da Garda Civil Darío Castro.

Tras rodar varios planos no exterior, a gravación de Fariña refuxiouse pola tarde no instituto Valle-Inclán, convertido recentemente tamén nun estudio de cinema coa película La Sombra de la Ley, protagonizada por Luís Tosar.

A rodaxe da serie continuará en diferentes localizacións das Rías Baixas ata finais de novembro.