"Ilusión" é a palabra coa que define o xornalista Nacho Carretero a rodaxe da serie 'Fariña', de Atresmedia, baseada no seu libro homónimo sobre o narcotráfico en Galicia. Este sábado, ao mediodía, o escritor acompañado polo actor Antonio Durán 'Morris', que interpreta a Manuel Charlín na ficción televisiva, participaba no Vermú literario da Librería Paz, nun acto conducido polos xornalistas pontevedreses Teresa Cuíñas e Pablo Lago.
Numeroso público achegouse para escoitar as anécdotas relacionadas coa elaboración do libro 'Fariña', todo un éxito de vendas, e coñecer detalles sobre a serie que os afeccionados esperan que Antena 3 estree na primavera de 2018, despois de seis meses de rodaxe en escenarios galegos.
Carretero explicaba que a ilusión se respiraba, sobre todo, entre a repartición actoral, no que ademais de Morris atópanse intérpretes galegos da categoría de Carlos Blanco, interpretando a Laureano Oubiña, Xosé Antonio Touriñán, Javier Rey ou o pontevedrés Xúlio Abonjo. Tanto Morris como o autor de 'Fariña' afirmaban que ademais a serie rodouse con moitos medios e coa idea de recrear a realidade dunha Galicia na que se combina unha paisaxe preciosa co feísmo urbanístico. Os dous indicaron que non vai parecer unha súper produción norteamericana senón que recollerá a singularidade dos feitos que aconteceron en Galicia na década dos 80.
Durante esta charla, Nacho Carretero explicou como evolucionara o negocio da droga en Galicia nacido entre familias que historicamente se dedicaron ao extraperlo, coas posteriores relacións coa sociedade e coa política. O autor tamén contaba a sorprendente anécdota de que, tras a publicación do libro, atopouse con persoas indignadas porque non as había incluído no libro como narcotraficantes. Neste sentido, Morris sinalou que gravaran nas proximidades da casa de Manuel Charlín e que un dos técnicos de iluminación, residente na zona, atopouse co fillo do narco arousán e soltáballe: "Sabemos onde vives". Con todo, sinalaba que, en xeral, a rodaxe realizouse con absoluta normalidade e apoio dos veciños.