Por agora, non haberá máis Fariña. Unha xuíza da localidade madrileña de Collado Villalba ordenou o secuestro cautelar do libro no que Nacho Carretero relata a historia do narcotráfico galego. Fíxoo tras a denuncia presentada por un exalcalde do Grove.
José Alfredo Bea Gondar, alcalde da localidade pontevedresa entre os anos 1983 e 1991, demandou ao xornalista galego e á editorial de Fariña, Libros do KO, por suposta vulneración do seu dereito á honra.
O seu nome aparece no libro vinculado co narcotráfico galego, polo que a xuíza Alejandra Pontana acordou que, temporalmente, se prohíba a impresión e comercialización de novos exemplares.
Para a xuíza, o contido do libro e as supostas imprecisións denunciadas polo ex alcalde outorgan base suficiente para, sen prexulgar o fondo do asunto, atender á súa petición.
Desestima, por outra banda, a pretensión de Bea Gondar de frear a emisión da serie de televisión producida por Atresmedia. Neste caso, sostén que a súa data de emisión é incerta, así como o guión da mesma, polo que sería desproporcionado paralizar a súa emisión.
A xuíza determina que o demandante, en todo caso, deberá depositar unha caución de 10.000 euros para responder dos posibles danos e prexuízos que a medida cautelar supoña para o patrimonio do xornalista demandado.