Os Novos Cinemas incorporan a música a programación da súa terceira edición

Pontevedra
16 de novembro 2018

O festival Novos Cinemas encherá Pontevedra tamén de música. Así, a súa terceira edición, que se celebrará entre os días 11 e 16 de decembro, ofrecerá unha programación musical especial baixo o nome de #Noites. É unha iniciativa na que participa a Sala Karma

Disco Las Palmeras
Disco Las Palmeras / Novos Cinemas

O festival Novos Cinemas encherá Pontevedra tamén de música. Así, a súa terceira edición, que se celebrará entre os días 11 e 16 de decembro, ofrecerá unha programación musical especial baixo o nome de #Noites. É unha iniciativa na que participa a Sala Karma.

A música comezará o mércores 12 para quecer motores cunha pinchada do Galician Bizarre, que se repetirá na Sala Karma ao día seguinte  -xoves 13- xunto ao concerto de Selvática, banda que inundará a sala co seu post-punk castizo, aromas de selva escura e pop etéreo. Finalizarán a noite Lúa Zalamera e Arturo Delgado Pinchadiscos.

O venres 14 será a quenda das bandas locais cos directos do garage de Pantano, Trompas de Farlopio e o rock, a actitude desafiante e as letras glam de Glitter & Litter. Aos pratos contarase con M. Lewinsky e Diego de la Church.

Xa de cara ao peche do festival, o sábado 15 a música comezará dende a mañá nunha sesión vermú na Casa da Luz na que se presentará o proxecto Galician Bizarre III e todos os asistentes poderán gozar do pop alegre e a naturalidade da música de Esposa.

Para rematar o día haberá o noise rock, punk e psicodelia de Disco Las Palmeras!, a escuridade post-tropicalista de Rayotaser e as pinchadas de Sr. Fiuza e JT DJ.