Os protagonistas da cultura de Pontevedra, de Culturgal ás redes sociais

Pontevedra
01 de decembro 2016

Durante os tres días da feira, Q-fas difundirá ideas, testemuñas e estados de creación de numerosas persoas relacionadas coa literatura, as artes plásticas, o deseño, a ilustración, o cinema, o mundo editorial, a música e calquera outra manifestación artística que teña lugar na cidade ou fóra dela, pero con algunha relación con Pontevedra

Logo da iniciativa Q-fas do Concello de Pontevedra en Culturgal
Logo da iniciativa Q-fas do Concello de Pontevedra en Culturgal

O Concello de Pontevedra é, como cada ano, anfitrión e colaborador de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia, pero este 2016 adoptará un papel máis activo do habitual. Nesta novena edición da iniciativa, vaise poñer en marcha o proxecto Q-fas co obxectivo de que a vida cultural de Pontevedra se asome ás redes.

Durante os tres días da feira, Q-fas difundirá ideas, testemuñas e estados de creación de numerosas persoas relacionadas coa literatura, as artes plásticas, o deseño, a ilustración, o cinema, o mundo editorial, a música e calquera outra manifestación artística que teña lugar na cidade ou fóra dela, pero con algunha relación con Pontevedra.

Segundo informou o Concello, faranse micro-entrevistas e fotografías dos persoeiros que pasen por Culturgal e ese material estará publicado no espazo pontevedra.gal/culturgal, desde onde se difundirá por distintos medios, entre eles a web oficial do Culturgal, a páxina do Concello e PontevedraViva, de tal xeito que durante os tres días as testemuñas destas persoas tomen unha relevancia especial nas redes. Serán ducias de protagonistas da cultura de Pontevedra.

No stand do Concello haberá actividades programadas polas concellerías de Cultura e Promoción e instalarase un set para servizo dos protagonistas da cultura na capital. A programación municipal pode consultarse aquí.

Arquivado en