Xosé Manuel Budiño, prato forte da segunda xornada do Culturgal

Pontevedra
03 de decembro 2016

O gaiteiro ofrecerá un concerto a partir das 21.30 horas no auditorio do Pazo da Cultura con motivo do 20 aniversario da publicación do seu primeiro traballo discográfico, Paralaia

Culturgal 2016
Culturgal 2016 / Mónica Patxot

Xosé Manuel Budiño, acompañado dunha artista de gran talento como é Mercedes Peón, ofrecerá un concerto no auditorio do Pazo da Cultura este sábado a partir das 21.30 horas, que será o colofón desta segunda xornada da Feira das Industrias Culturais, Culturgal, que se desenvolve no Recinto Feiral de Pontevedra. As entradas pódense adquirir a través de Ataquilla por un prezo de 14 euros.

Durante o mediodía deste sábado ofrécese unha completa programación coa presentación do Ano do Patrimonio, a cargo da Deputación Provincial, e da décimo oitava edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. 

Ás 13.15 ofrecerase a presentación da colección Mulleres Bravas. Un cuarto de hora máis tarde, a carpa acollerá un recital de Blues do País con Bieitta James e Pepe King. 

A partir das 16.30 presentarase a novela 'Cans' de Carlos Meixide e a editorial Catro Ventos Editora. Será o anticipo de diversas presentacións que se irán desenvolvendo ao longo de toda a tarde. 

Ás 18.15 horas celebrarase unha "conversa" con María do Cebreiro, autora de 'O deserto' e con Marilar Aleixandre, autora de 'Desescribindo'. Un cuarto de hora máis tarde, Migallas Teatro ofrecerá a nova edición de Canta Connosco no espazo infantil.

Entre outras actividades, ás 20.15, terá lugar unha "conversa" con Blanca Riestra, autora de 'Rapsodia en negro', Miguel Sande, autor de 'A candidata' e con Daniel Asorey, autor de 'Nordeste'. 

Ás 20.30 horas, Eladio y los seres queridos asistirán á zona Carpa para ofrecer un recital interpretando algún dos seus temas.

Arquivado en