Os Rías Baixas Fest organizarán microconcertos nos meses de setembro e outubro

Pontevedra
27 de maio 2020

A Deputación propón a celebración este verán de microconcertos nas redes sociais, cun grupo de sona nacional ou internacional; tamén, microconcertos nos meses de setembro e outubro en espazos provinciais con aforo reducido para manter o vínculo coas persoas visitantes; e finalmente, en decembro, a organización dun sorteo de entradas para os concertos de cada festival do próximo ano 2021

Concerto de Los Planetas no Atlantic Fest
Concerto de Los Planetas no Atlantic Fest / PontevedraViva

Co obxectivo de facer ver ao público que os RíasBaixasFest volverán, a Deputación propón a celebración este verán de microconcertos nas redes sociais, cun grupo de sona nacional ou internacional; tamén, microconcertos en setembro e outubro en espazos provinciais con aforo reducido para manter o vínculo coas persoas visitantes; e finalmente, en decembro, a organización dun sorteo de entradas para cada festival do próximo ano 2021.

A Deputación de Pontevedra avanzou a este respecto a posta en marcha dun programa bianual "minimizar o impacto da crise" no ámbito dos espectáculos musicais en directo.

Así o confirmou a presidenta Carmela Silva na reunión telemática celebrada coas promotoras dos #RíasBaixasFest, os sete festivais integrados na marca de calidade da institución provincial, na que participaron representantes de PortAmérica, Atlantic Fest, Sinsal, SonRías Baixas, Revenidas e Vive Nigrán.

"Falamos dunha folla de ruta destinada a manter as estruturas das empresas, avanzar a través da música na promoción do destino Pontevedra Provincia e consolidar os #RiasBaixasFest como produto turístico sostible e diferenciado", dixo a presidenta.

Así, a Deputación de Pontevedra establecerá con cada un dos festivais contratos bianuais vinculados á celebración do evento no próximo ano 2021, pero co engadido dunha serie de fitos promocionais xa neste 2020, tanto do festival como do destino Pontevedra Provincia, que consistirían na celebración de eventos en pequeno formato, de promoción do festival e do seu emprazamento e valores como as súas tradicións, gastronomía, cultura ou natureza.

Deste xeito, manteríanse os contratos de patrocinio para o período 2020-2021 e, en paralelo, se traballaría no plan de turismo de festivais.