Os "Soños" de Miguel Vidal chegan por primeira vez ao Museo de Pontevedra

Pontevedra
14 de febreiro 2017

A exposición, que empezará o próximo 16 de febreiro e manterase un mes no Sexto Edificio do Museo, pretende facer chegar aos espectadores o mundo onírico do fotógrafo pontevedrés Miguel Vidal e enfocar o seu traxectoria cara a novas linguaxes e públicos.

Carlos Valle, Xosé Leal, Miguel Vidal e Ramón Rozas na presentación da exposición "Soños"

O Museo de Pontevedra estreará o xoves 16 de febreiro unha mostra de fotografía conteporánea no Sexto Edificio a mans do fotógrafo pontevedrés Miguel Vidal, que exhibirá a súa obra por primeira vez no Museo. No contexto do novo epígrafe da institución, Presente, pasado e futuro, a exposición Soños anunciouse como parte deste proxecto que pretende fixar a mirada nas novas formas de linguaxe e no seu público potencial. 

"Poucas veces atopamos unha mirada tan contemporánea, tan desinhibida, e tan directa cara ao público como a de Miguel Vidal", asegurou o comisario Ramón Rozas, e engadiu con respecto á nova traxectoria do Museo e ao artista: "o gran público poderá ver que somos unha potencia nesta disciplina, e sobre todo partindo da base do fotoxornalismo deste país".

A través da obra do fotógrafo búscase atrapar a forza dos soños nunha serie de 60 imaxes sen lendas nin pés de fotos, repartidas en dúas salas do Sexto Edificio do Museo, e que teñen como obxectivo que o espectador "interprete o seu propio soño", segundo palabras do artista.

CREADOR DE IMAXES E TRANSMISOR DE DESFRUTES

Miguel Vidal empezou a súa carreira como fotoxornalista para Diario de Pontevedra e foi avanzando ata chegar a traballar con medios internacionais como National Geographic e The New York Times. Tamén cubriu eventos de gran importancia como o Prestige ou os 40 anos da revolución cubana. Finalmente, o seu interese pola fotografía artística e a súa experiencia na street photography levouno a explorar na súa obra o retrato e o corpo feminino, adentrándose na corrente do neopictorialismo, na que se mergulla unha vez máis con esta exposición.

Carlos Valle, director do Museo definiu a Miguel Vidal como "un gran creador de imaxes e un transmisor de desfrutes" e fixo fincapé na planificación previa que levou a cabo o equipo do Museo, o comisario e o artista. Pola súa banda, o fotógrafo pontevedrés quixo agradecer tanto aos responsables do Museo como á Deputación a creación dun espazo para este tipo de obras. "Levo un cuarto de século facendo fotos e nunca antes tiven oportunidade de expoñer nun lugar así", declarou Vidal.

A exposición Soños será inaugurada o próximo 16 de febreiro ás 20:00 horas no Sexto Edificio do Museo e poderá ser visitada ata o próximo 16 de marzo por aqueles interesados no mundo onírico de Miguel Vidal.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora