'Pásate ao outro lado': disfruta da experiencia Faiponting

Pontevedra
13 de xuño 2013

Faiponting dá un paso máis. Deixa de ser un conxunto de actividades puntuais e busca convertirse nunha filosofía de vida. Que os pontevedres nos animemos a coñecer as posibilidades que ofrece a cidade ao outro lado do río, tanto dende o punto de vista cultural como do lecer, a natureza e o deporte. E todo a partir dunha páxina web que servirá como plataforma de difusión cultural das actividades do complexo Pazo da Cultura ⿿ Illa do Covo

Anxos Riveiro na presentación da páxina web de Faiponting
Anxos Riveiro na presentación da páxina web de Faiponting / PontevedraViva

Faiponting dá un paso máis. Deixa de ser un conxunto de actividades puntuais e busca convertirse nunha filosofía de vida. Que os pontevedres nos animemos a coñecer as posibilidades que ofrece a cidade ao outro lado do río, tanto dende o punto de vista cultural como do lecer, a natureza e o deporte. E todo a partir dunha páxina web que servirá como plataforma de difusión cultural das actividades do complexo Pazo da Cultura ⿿ Illa do Covo.

Este novo sitio intuitivo e funcional que substitúe ao creado no ano 2000, "é un paso máis dos moitos que se darán para dar a coñecer á cidadanía a abundante programación que ten como escenario estes espazos", explicou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, na súa presentación.

"Ubicados na cidade, con facilidade de acceso, de aparcamento, cunhas instalacións inmellorables que acollen numerosos eventos ao longo do ano, e que pese a atraer moitas visitas, seguen a ser grandes descoñecidos" comentou a concelleira, que pretende que este sexa "o pulo definitivo para dalos a coñecer, conseguir que a xente perda o medo a cruzar a ponte e goce deles de xeito continuado".

A  renovación da web, que se adaptou aos novos tempos e tecnoloxías, busca sobre todo a permitir a interacción do usuario a través das redes sociais e grazas ás visitas virtuais. Nelas poderemos percorrer cada unha das instalacións, coñecendo todas as características e servizos, condicións técnicas ou tarifas, "para que tamén os promotores artísticos poidan ver o espazo antes de vir a Pontevedra".

Non só con todo o relacionado co Pazo da Cultura, Auditorio, Recinto Feiral e Sala de Exposicións, senón sobre a Illa do Covo. Cada unha das súas esculturas estará analizada paso a paso, así como as rutas deportivas que se poden realizar nela e que a miúdo son percorrido de atletas da relevancia de Javier Gómez Noya ou a fauna e a flora que poboan a zona, de grande interés dende o punto de vista biolóxico e botánico.

Toda esta información irase ampliando nos vindeiros meses e estará respaldada tamén pola programación de numerosas actividades, entre as que está previsto repetir os roteiros guiados realizados o 2 de xuño, "nos que o numeroso público descubríu non só recunchos descoñecidos, senón a intencionalidade do arquitecto Manuel de las Casas e dos artistas que exponen a súa obra de xeito permanente na Illa", concluiu a concelleira nacionalista.