O santuario da Peregrina convertido nun lenzo efémero de luz e son.
É o que ocorrerá o fin de semana da man do artista francés Patrick Warrener, referente internacional na arte da iluminación arquitectónica, nunha intervención coa que arrincará a 32ª Bienal de Arte de Pontevedra.
Todo está xa listo para que Warrener faga súa a fachada barroca-neoclásica da Peregrina, símbolo da cidade.
A intervención artística, creada especificamente, terá lugar nas noites do venres 20, sábado 21 e domingo 22 de xuño, entre as 23:30 e as 00:00 horas, con xogos de luz policromática que realzarán os volumes, elementos e esculturas da igrexa creando unha experiencia visual de gran forza expresiva.
Ademais o venres día 20 contarase co complemento da música en directo da DJ galega Akazie.
Esta fusión entre luz, son e patrimonio marca o inicio de Bienal de Arte, que pretende situar á cidade nos próximos meses nun espazo de referencia para a arte contemporánea con propostas que abarcan exposicións en museos e espazos culturais, intervencións no espazo público, encontros con artistas, accións educativas e participación cidadá.
No que respecta a Patrick Warrener, usará en Pontevedra a técnica Cromolite, desarrolada por el mesmo, cunha combinación de proxección lumínica de alta precisión con composicións cromáticas dinámicas que "permite que os edificios falen doutro xeito, que conten historias novas sen renunciar á súa memoria", explica o artista, protagonista de máis de 60 intervencións en cidades como París, Québec, Bogotá, Kyoto ou Praga.
A súa obra de feito considérase clave no nacemento e expansión dos festivais internacionais de luz, un fenómeno artístico e cultural que nas últimas décadas conquistou capitais de todo o mundo.
Todo un acontecemento que chega agora a Pontevedra nun acto aberto á cidadanía e cargado de significado.
A programación completa da Bienal de Arte de Pontevedra pode consultarse en https://bienal.depo.gal.