Paula Carballeira abre Sete Falares con Santa Clara como escenario

Pontevedra
05 de xuño 2022

A autora, narradora e actriz de Fene inauguraba a décima edición deste festival de narración oral. Ata o vindeiro sábado 11 de xuño, diferentes intérpretes contarán historias na igrexa de Santa Clara. Este domingo 5, a partir das 21.00 horas, Lorena Pinheiro ofrecerá unha sesión para público adulto con entrada libre

Público na actuación de Paula Carballeira en Santa Clara
Público na actuación de Paula Carballeira en Santa Clara / Sete Falares

Paula Carballeira, autora, narradora e actriz de Fene, era a encargada de inaugurar este sábado 5 a décima edición de Sete Falares, que nesta ocasión se celebra na igrexa do convento de Santa Clara ata o sábado 11. Numeroso público asistía a esta primeira cita cultural dun ciclo de narración que reúne a algúns dos principais contadores de Galicia, pero con participación este ano de profesionais doutros puntos como Portugal ou Cantabria.

Este domingo será a quenda de Lorena Pinheiro, unha das novas voces da narración oral, que comezaba no ano 2018 a súa carreira profesional formando parte do colectivo NOGA, tras formarse con Paula Carballeira ou Raquel Queizás no método de contar historias denominado Saladina. Trátase dunha sesión para público adulto e con entrada libre ata completar a capacidade da igrexa.

O luns 6 será a quenda de Vero Rilo, tamén ás 21.00 horas no mesmo escenario. Desde a organización lembran que todas as sesións celébranse en Santa Clara, agás a Rota de Historias, que terá lugar o venres 10 de xuño durante a noite, con catro grupos de 60 persoas que percorrerán a cidade visitando diferentes lugares emblemáticos escoitando historias. As invitacións para esta cita pódense recoller na igrexa de Santa Clara nesa xornada desde as 21.30 horas, media hora antes do inicio do roteiro.