Pontevedra prepárase para acoller unha nova edición da 17ª Mostra Internacional de Teatro Universitario MITEU, un evento que este ano regresa cunha nova programación totalmente gratuíta.
Este luns 13 de abril, presentouse o proxecto coa participación da vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantaron; o director do campus de Pontevedra, Luís Torres; e o director da Aula de Teatro do campus de Pontevedra, Jesús Salvador do Río.
As obras representaranse entre o 22 e 30 de abril en distintos espazos dos campus da Universidade de Vigo e no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Durante a presentación, Eva Lantaron destacou o valor desta mostra como un espazo de encontro entre a comunidade universitaria e a cidadanía.

Ademais, subliñou que o festival mantén o seu carácter internacional coa participación dos tres campus da universidade e compañías convidadas de Portugal e Perú, sinalando que "é unha plataforma de aprendizaxe e de encontro que combina formación e creación nun formato que xa é marca da nosa universidade".
O programa desta edición inclúe cinco propostas teatrais que se representarán o longo dunha semana. A apertura terá lugar o 22 de abril coa obra Tartufo, interpretada pola Aula de Teatro do campus de Pontevedra.
Posteriormente, o 23 de abril a proposta portuguesa Perpetuo Paredes, mentres que o 28 de abril representarase unha versión de Macbeth a cargo da aula teatral do campus de Vigo.
Para o 29 de abril está programada a obra Insurrección, do grupo Maricastaña de Ourense,, e o peche terá lugar o 30 de abril coa obra peruana Los muchachos olvidados de Dios, presentada pola Asociación Cultural Anaqueronte.
O director do campus de Pontevedra, Luís Torres, remarcou que este ano o festival desenvolveuse nunha situación especial debido á necesidade de trasladar as representacións ao Pazo da Cultura.
Tamén aproveitou para animar á cidadanía a asistir, lembrando que se trata dun evento que implica un gran esforzo humano e organizativo.
Por outra banda, Jesús Salvador puxo foco na importancia do teatro universitario como espazo creativo e formativo.
Para finalizar, subliñou a relevancia do texto clásico adaptado ao galego, sinalando que "o galego é un idioma universal que soporta todo tipo de manifestacións artísticas" e defendeu o papel do teatro como ferramenta crítica capaz de abordar temas sociais e de actualidade desde a escena.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.