Reflexionar sobre a guerra a través do cinema é o obxectivo do ciclo 'Cine, arte e guerra', a primeira das actividades que, a modo de antesala, precederán a celebración da Bienal de Arte de Pontevedra, que se inaugurará o próximo 21 de xuño.
Seis serán as sesións deste ciclo, impulsado en colaboración co festival Novos Cinemas, que seleccionou xéneros e formatos o máis diverso posible en canto á orixe xeográfica e aos períodos de produción das obras que se exhibirán.
A primeira das proxección será este xoves 29 de maio, ás 23:00 horas, no xardín do Palacete das Mendoza, onde o público poderá ver o filme checoslovaco Diamantes da noite, dirixido por Jan Němec (1964).
A película, de 67 minutos de duración e con entrada libre ata completar o aforo, narra a historia da loita por sobrevivir de dous nenos xudeus que escapan dun tren que os conduce a un campo de concentración.
O resto das películas exhibiranse ás 19:00 horas no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.
O xoves 5 de xuño proxectarase Hitler vs. Picasso e outros artistas modernos, unha produción de Italia, Francia e Alemaña dirixida en 2018 por Claudio Poli.
O 12 de xuño proxectaranse dous documentais do director estadounidense Lionel Rogosin: Bos tempos, marabillosos tempos (1965) e Diálogo árabe-israelí (1974).
Xa en xullo, o xoves 3, será a quenda do clásico francés O silencio do mar, dirixido por Jean-Pierre Meville en 1949; e o filme de animación Nausicaä do Val do Vento, dirixido polo xaponés Hayao Miyazaki, chegará á pantalla do auditorio do Edificio Castelao o mércores 9 de xullo.
O ciclo pechará o xoves 17 de xullo con dous filmes sobre conflitos bélicos nos séculos XVIII e XX que realizou o británico Peter Watkins a mediados dos 60: Culloden e O xogo da guerra.
En liñas xerais, proxectaranse películas de ficción, documentais e animación arredor de historias que falan do conflito, da represión, da resistencia, da memoria ou da destrución do territorio.
Deste xeito, o cinema preséntase como unha ferramenta para pensar e sentir o conflito desde múltiples perspectivas, con filmes que evidencian como certos conceptos universais se fan visibles na pantalla, como é o caso da guerra, presente en todas as épocas, territorios e culturas.