Pepe Solla e Manel Loureiro analizarán as consecuencias da pandemia nos Directos de Afundación

Pontevedra
17 de xuño 2020

A iniciativa 'Afundación en casa' estrea este xoves unha nova proposta para dinamizar a actividade cultural a pesar das restricións derivadas do coronavirus, 'Diálogos con Pepe Solla', un foro de encontro cultural no que o prestixioso cociñeiro charlará con destacadas figuras do ámbito cultural e artístico 

Derradeiro servicio do chef Pepe Solla no Comedor de San Francisco
Derradeiro servicio do chef Pepe Solla no Comedor de San Francisco / Mónica Patxot

A iniciativa 'Afundación en casa' posta en marcha pola Obra Social de Abanca durante a pandemia do coronavirus estrea este xoves unha nova proposta para dinamizar a actividade cultural a pesar das restricións derivadas da pandemia, unha serie de 'Diálogos con Pepe Solla' que se inaugurarán co escritor Manel Loureiro. 

Trátase dun foro de encontro cultural no que o prestixioso cociñeiro galego, impulsor do grupo Nove e responsable do restaurante familiar con estrela Michelín Casa Solla, fundado en 1961, charlará con destacadas figuras do ámbito cultural e artístico galego sobre as distintas consecuencias da pandemia actual. 

O primeiro encontro terá lugar este xoves 18 de xuño e poderá seguirse ás 19.30 horas a través dos Directos de Afundación-TV. O primeiro invitado será o escritor e avogado pontevedrés Manel Loureiro e, a través dunha charla en directo, analizarán a pandemia e as súas consecuencias. 

A charla será de acceso libre e gratuíto, e todas as persoas rexistradas poderán interactuar cos protagonistas. A participación como público para este evento pode formalizarse nesta ligazón.