A Peregrina, como nunca antes vista para dar a benvida á Bienal de Arte

Pontevedra
21 de xuño 2025

O artista francés Patrick Warrener protagonizou unha intervención de luz e son na fachada deste símbolo pontevedrés que sorprendeu pola súa vistosidade e policromía

Intervención artística de Patrick Warrener sobre a fachada da Peregrina
Intervención artística de Patrick Warrener sobre a fachada da Peregrina / Mónica Patxot

Nunca antes o santuario da Peregina luciu de tal maneira, con toda unha explosión sensorial de luz e cor.

O recoñecido artista francés Patrick Warrener, referente internacional na arte da iluminación arquitectónica, protagonizou este venres a primeira intervención da 32 Bienal de Arte de Pontevedra, e fíxoo en todo un símbolo da cidade e ante a curiosidade de moitos pontevedreses e tamén de visitantes, coa cidade abarrotada pola celebración do Multisport de tríatlon.

Entre as 23.30 horas e as 0.00 da noite xogos de luces policromáticos realzaron volumes e esculturas da igrexa creando toda unha experiencia visual e sensiorial.

A iso contribuíu tamén a música en directo da DJ galega Akazie.

Esta fusión de luz, son e patrimonio servía para dar a benvida ao que está por chegar, a ampla programación que desenvolverá a Bienal.

Ademais sumaba a Pontevedra á lista de cidades na que Warrener interveu, como París, Quebec, Bogotá, Kyoto ou Praga.

Se alguén se perdeu o espectáculo visual creado especificamente para ser proxectado sobre a Peregrina, ten aínda dúas ocasións máis, aínda que xa sen o complemento musical.

Esta intervención volverase a reproducir tanto este sábado 21 como o domingo 22 de xuño no mesmo horario, entre as 23.30 e as 0.00 horas da noite.

 

Arquivado en