"Pernascochas" gaña o Certame de Novela Infantil Jaime Olmedo Limeses, que se entregará en Pontevedra

Pontevedra
24 de febreiro 2025
Actualizado: 14:26

O autor de "Pernascochas" é Ramón Domínguez Veiga. A novela será publicada por Antela Editorial e Avigal distribuirá 1.500 exemplares para incentivar a lectura en galego

Ramón Domínguez Veiga Avigal

O I Certame Literario de Novela Infantil Jaime Olmedo Limeses, promovido por Avigal en colaboración con Antela Editorial, xa ten gañador da sección de Novela Infantil. 

Entre as 39 novelas infantís presentadas, o xurado elixiu como obra vencedora "Pernascochas", de Ramón Domínguez Veiga, destacando a súa orixinalidade e calidade literaria.

A entrega oficial do premio terá lugar nun evento que se celebrará en Pontevedra.

Dirixido a un público de entre 6 e 12 anos, este certame naceu co obxectivo de fomentar a creación literaria en galego e dar visibilidade a novos talentos maiores de 18 anos.

Como recoñecemento, a novela gañadora será publicada por Antela Editorial e verá a luz na semana das Letras Galegas. Ademais, Avigal distribuirá 1.500 exemplares para achegar a historia aos máis pequenos e incentivar a lectura en galego.

Por outra banda, segue estando aberto o prazo de prestación de relato infantil onde os participantes son menores de 12 anos.

É unha iniciativa para desenvolver nas aulas e fomentar a creatividade dos máis cativos empregando a lingua galega.

O concurso ofrece grandes premios para os participantes, o profesorado e o centro implicado.

Xurado do Certame Literario de Novela Infantil Jaime Olmedo LimesesAvigal

"Pernascochas" conta a historia de Pernascochas Marcelina, unha nena moi peculiar que lle propón a Martiño tres retos para gañar a súa amizade: un que a sorprenda, outro que a faga rir e outro que a faga chorar como nunca antes.

O xurado salientou a altísima calidade das obras presentadas, demostrando o talento dos seus creadores.

Ramón D. Veiga compaxina o seu traballo no sector editorial coa escrita de literatura infantil e xuvenil. Entre as súas obras destacan "Violeta quere ser vampiro", "Un conto do Samaín", "É tempo de Entroido", "Gloria" ou a serie de banda deseñada "Miñoca".