A programación de 'Primavera feminista', iniciada en marzo con motivo do 8M, continúa este xoves 16 de abril ás 19:00 horas cunha charla na Casa das Campás sobre o libro 'As mulleres no xornalismo galego: A crónica revelada'.
No encontro participan Pilar Fariña, Ana Romaní e Tareixa Navaza, tres veteranas do xornalismo galego, coa xornalista Natalia Puga, socia de PontevedraViva, como moderadora.

A entrada é libre até completar aforamento.
Pilar Fariña (Pontevedra, 1947), xornalista autodidacta, traballou en Radio Pontevedra, Televisión Española, a TVG e 'El Correo Galego' ata que se xubilou. Pioneira do xornalismo deportivo local e a única nunha expedición galega até Fosa Atlántica para denunciar as verteduras radioactivas. É autora de entrevistras inéditas a narcotraficantes e protagonista de polémicas con diferentes políticos.
Ana Romaní (Noia, 1962) iniciou a súa carreira en 1983 na revista 'Carabela de Xiada'. É académica da Real Academia Galega, Premio Nacional de Xornalismo Cultural 2018 e directora histórica de Diario Cultural en Radio Galega, ademais dunha das voces fundamentais do feminismo e da poesía galega das últimas décadas, por libros como 'Arden' (1998), 'Quiéreme tierno. 24 piezas mínimas para una caja de música' (2005) o 'Extremes' (2010).
Tareixa Navaza (Santiago de Compostela, 1947), referente do feminismo galego, participou en fundación da Asociación Galega da Muller e a revista 'Andaina'. Pioneira en TVG e Radio Galega, recibiu o Premio Bueno y Generoso da AELG (2015) e o II Premio de Honor Dolores Ben (2023).

As actividades continuarán en maio as charlas 'Tolas ou rebeldes, control social e represión das mulleres', coa investigadora María Jesús López Escudeiro, e 'Rachando o silencio das violencias', coa escritora e xornalista feminista Cristina Fallarás.
Finalmente, o mércores 3 de xuño organizarase a última conferencia no Teatro Principal con Ledicia Costas: 'A voz escrita das mulleres'.