Pontevedra porá este mércores, 7 de xaneiro, o broche final ao Ano Castelao cun acto cargado de simbolismo, memoria e participación cidadá. A Boa Vila homenaxeará ao seu "veciño máis ilustre" coa descuberta dunha placa conmemorativa no edificio da Praza de España onde viviron Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e a súa muller, Virxinia Pereira, durante a súa etapa pontevedresa.
A cerimonia, prevista para as 12.00 horas, coincidirá co 76 aniversario do pasamento do intelectual rianxeiro e estará presidida polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto ao concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez. No acto participará tamén Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, entidade impulsora da celebración do Ano Castelao en toda Galicia.
O momento máis emotivo será o descubrimento da placa no número 1 da Praza de España, un xesto co que o Concello quere deixar unha lembranza permanente de quen "escolleu ser pontevedrés". Desde a administración local destacouse tamén o agradecemento á comunidade de veciños do inmoble polas facilidades dadas para facer posible esta iniciativa.
Fiel ao espírito aberto e colectivo que marcou toda a programación do Ano Castelao, o acto non será unha homenaxe pechada nin solemne en exceso. Terá un papel destacado o alumnado dos institutos da cidade, protagonistas ao longo do ano de iniciativas como o Roteiro dos institutos ou as lecturas públicas da obra de Castelao celebradas o pasado mes de novembro.
A dimensión visual e histórica da homenaxe chegará da man da asociación Os de Algures, cuxos integrantes asistirán lucindo o vestiario orixinal de Os vellos non deben de namorarse, reproducido fielmente a partir dos deseños do propio Castelao. Unha posta en escena que evocará o universo creativo do autor e que xa conquistou ao público no Teatro Principal e en diversas actuacións realizadas este Nadal en centros sociais.
Ao acto están convidadas todas as asociacións que participaron na programación do Ano Castelao, así como a totalidade da Corporación municipal, nunha mostra do amplo consenso e implicación que rodeou esta efeméride.
Un ano de cultura compartida
O descubrimento da placa serve como punto final a un ano intenso de actividades co que Pontevedra celebrou o 75 cabodano de Castelao ao longo de 2025. No Bando do Ano, o alcalde resumía así a súa importancia: "Castelao vive porque sen el a nosa cidade sería hoxe irrecoñecíbel", lembrando a súa influencia decisiva na fundación do Museo de Pontevedra, na Coral Polifónica ou na restauración de monumentos emblemáticos.
O Concello subliña que o éxito da conmemoración residiu na "impresionante colaboración" do tecido asociativo pontevedrés. Preto de vinte entidades locais artellaron unha programación transversal que abordou todas as facetas do intelectual, desde as artes escénicas e a música, coa recuperación histórica de Os vellos non deben de namorarse, ata o pensamento político, o ensino, as actividades familiares e os roteiros culturais polas parroquias.
Espazos como o Teatro Principal, o Café Moderno, as rúas e prazas da cidade ou mesmo os centros educativos convertéronse durante meses en escenarios vivos da obra e do pensamento de Castelao.
Este 7 de xaneiro, Pontevedra cumpre así o compromiso adquirido a comezos de ano de seguir sendo a cidade que Castelao "amou e arelou", reafirmando, como el mesmo escribiu, que foi aquí onde sentiu "como en ningures a necesidade cósmica da patria".