A cidade de Pontevedra converteuse este venres nunha auténtica aula ao aire libre para celebrar o 'roteiro dos institutos', unha actividade incluida na programación do Ano Castelao.
A iniciativa, impulsada polos equipos de normalización lingüística dos IES Torrente Ballester, Frei Martín Sarmiento, Valle Inclán, Sánchez Cantón, Xunqueira 1 e Xunqueira 2, reuniu arredor dun cento de estudantes nunha xornada chea de cultura, memoria e lingua.
O roteiro, pensado especialmente para o alumnado dos centros participantes, comezou ao mediodía no Museo de Pontevedra, punto de partida dunha viaxe pola vida e obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un dos grandes referentes do galeguismo.
As paradas seguintes foron na praza da Ferrería, a praza de Teucro, a rúa da Oliva, o Café Moderno e o IES Valle Inclán, lugares todos eles cun vínculo especial co ilustre autor.
En cada parada, o alumnado encargouse de explicar a relación de Castelao co espazo escollido e ofrecer lecturas dramatizadas de textos do escritor, moitas veces conectadas co lugar da intervención.

Así, soaron as palabras de obras tan emblemáticas como A marquesiña, O negriño Panchito ou Meu Pontevedra, nunha actividade que combinou o descubrimento histórico coa expresión artística.
O roteiro contou tamén coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e do concelleiro de Cultura e Educación, Demetrio Gómez, quen destacou a importancia de que a homenaxe tivese lugar na cidade.
Segundo dixo, "era imprescindible que esta actividade se desenvolvese aquí, porque Castelao foi profesor de debuxo no instituto de Pontevedra, o único que había daquela, e agora temos oito ou dez".
Con esta experiencia, o alumnado non só se achegou á figura de Castelao dun xeito máis vivencial e participativo, senón que tamén reivindicou a súa vixencia como símbolo de compromiso, arte e identidade galega.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.