'Pianotelling', dícese da creación artística cuxo obxectivo é transmitir música instrumental de maneira diferente, para todas as xeracións e públicos. A súa autoría primixenia corresponde a unha artista boirense, Elsa Muñiz.
"É unha mestura entre literatura e música nun só concepto", explica no podcast 'Cara a cara'. De maneira máis específica: "combino microrrelatos normalmente baseados en experiencias vitais propias con música para piano, que son composicións tamén propias".
A proposta ten ademais outro engadido, os caligramas, textos escritos de tal maneira que debuxan aquilo ao que refiren. É este conxunto de propostas o que leva a que 'New beginnings', o seu último proxecto, saia á venda en formato de disco-libro.
É igualmente o nome da xira que iniciou en xuño en Ávila, coa que participou en agosto no Festival da Luz de Boimorto e que a trae este próximo sábado 15 de novembro ao Café Moderno de Pontevedra a partir das 20.00 horas.
Nunha distendida conversación, fala da pianista e a compositora con intención de que o público "escoite dunha maneira máis presente e tamén comunicar dunha maneira diferente a música clásica, que ás veces está un pouco apartada das outras".
Nese punto cóase a repercusión e curiosidade que pode suscitar este xénero entre un sector novo a raiz da publicación do disco 'Lux' de Rosalía.
Actualmente Elsa Muñiz aparcou o exercicio da docencia para dedicar tempo completo á súa faceta artística. 'New beginnings' (novos comezos) pode ser igualmente ilustrativo desta etapa profesional. As pezas deste disco falan de "emocións e situacións que todos puidemos vivir nalgún momento da nosa vida", conta.
Ademais, neste novo comezo, parafraseando o título do álbum mirou ao lugar do que procede. O seu vídeo promocional está gravado no seu Boiro natal: "cría que era importante tamén volver ao lugar onde me criei. E conectar coa natureza e coa paz. Facer o que ti queres coa túa vida e ter esa liberdade".
Para chegar a este lugar, Elsa, a compositora e pianista, tamén tivo que transitar polas dúbidas iniciais, "isto de compor, igual non interesa" ou "non vai gustar, é que isto pódeo facer calquera". Ata que en 2018 gravou o seu primeiro álbum, 'Memories', e conseguiu un impulso importante.
Como importante foi, tras moitas xestións, chamar a atención dunha institución pública, Alimentos de España, e que use unha das súas pezas para homenaxear a quen se dedican a traballar na mar. 'Presentimiento' é posiblemente a peza máis íntima da boirense, gravada sobre a batea familiar.