PODCAST. Fernando Benzo: "Hai que aproveitar o thriller para ofrecer novelas que enganchen, pero tamén para repartir un pouco a todo o mundo"

Pontevedra
14 de maio 2025

Volve Fernando Benzo ao podcast 'Cara a cara' e faino con 'El dragón negro'. Outra novela coa que non se conforma con entreter, tamén 'levanta alfombras' sociais, profesionais ou institucionais

Fernando Benzo coa súa última novela 'El dragón negro'
Fernando Benzo coa súa última novela 'El dragón negro' / Javier Ocaña

Fernando Benzo non é ningún debutante no sector literario. Os seus títulos mergulláronse en varios xéneros e un deles é a novela policíaca. Na penúltima, 'Los perseguidos', con notable éxito xa que se fixo co Premio Azorín de Novela 2023.

Charlamos co autor no podcast 'Cara e cara' e a primeira pregunta vai precisamente pola súa reincidencia na novela negra.

"Eu nunca crin que ía ser escritor de novela policíaca, pero é verdade que novela a novela funme dando conta que o xénero policíaco permíteche todo. Cando tes construída unha trama de intriga que consiga atrapar ao lector podes engadir subtramas de relacións persoais, familiares, amorosas, un elemento social, dá para todo e eu cada vez síntome máis cómodo nel", di.

A trama de intriga arrinca coa aparición nunha nave industrial dos cadáveres de cinco homes. O esclarecemento recae nunha parella de inspectores, con perfís case antagónicos. Un tópico no que non caeu Benzo, senón que o deixou caer conscientemente "para logo afastarme del".

'El dragón negro' mira a China. E esta é a parte previa á escritura que dedica a investigar. Recoñece que "a parte de documentación das novelas é un pracer en si mesma; gózoa moito".

Mete ás tríadas chinesas, os longos e múltiples tentáculos con que se sosteñen e que levan ao público lector até o continente africano: "hai anos que hai unha guerra enormemente cruel pola extracción de minerais, que leva sobre todo un drama humano, miles de persoas esclavizadas".

Pódese dicir que a súa escritura 'levanta alfombras' e nesta novela faio cos medios de comunicación e co corpo policial: "hai que aproveitar o thriller para ofrecer novelas que enganchen, pero tamén aproveitar para repartir un pouco a todo o mundo".

Falamos dos seus personaxes, aos que perfila desde a amplitude cromática, nin os malos son completamente malos, nin os bos son perfectamente bos.

"Estela é ríxida na súa forma de actuar e pola contra Roi é un cínico pasado de voltas. Pretendo que se Estela desde o seu cuadratura cae ben, Roi xere confunsión, que poña nervioso ao lector", explica.

En 'El dragón negro' atopamos a Virginia, a ex muller dun dos delicuentes máis buscados en España e tamén na súa anterior novela, 'Los perseguidos'. Regresa desde Buenos Aires para resolver o seu pasado, descoñecedora por completo do seu papel fundamental nesta historia que narra Benzo.

Quizá non sexa a última ocasión en que dea unha oportunidade máis a algún dos seus personaxes: " 'El dragón negro' termina, pero hai personaxes que aí quedan e poden dar xogo. A verdade é que hai algún que me enganchou; e cando terminas a novela e sepárasche dela dis, ouve, igual algún día reencontrámonos".