Como nun pantone, onde a cor ten gamas, nas novelas onde hai crime tamén hai gradación. A 'Malditos' sucédelle así.
A Conan Doyle e Allan Poe asígnaselles por exemplo, a novela de misterio. A Easton Ellis o realismo sucio, a Jim Thompson e Raymond Chandler, a novela negra 'hard boiled'; e a Stephen King, o terror.
Todos, e algúns máis, están nesta novela de Arturo del Burgo, quen se recoñece no podcast 'Cara a cara' un avezado lector do xénero: "sempre foi o meu xénero predilecto, no que sempre estou cunha mirada fixa; e a verdade é que non me obsesionei como están os meus personaxes, pero case".
Hai intención na charla de non traspasar a sinopse de 'Malditos' máis aló do imprescindible; mesmo de quedar máis curta que a propia contraportada da novela.
Poderíanse facer a Del Burgo decenas de preguntas sobre paralelismos, feitos reais que puideron servir de argumento para crear a trama; pero quedan fóra con ese ánimo de que quen lea, chegue coa pátina máis limpa posible.
Unha incursión, canto inspira a realidade aos autores deste xénero?, "é un caldo de cultivo extraordinario para os escritores de novela negra porque temos tantos exemplos ao longo do día...". Ao mesmo tempo: "a realidade ás veces ofrécenos, desgraciadamente, testemuños dunha crueldade que sería dificilmente plasmable nun libro".
Sirva, para non perderse tampouco na abstracción, que o relato comeza en 1996 e prolóngase ata 2024. Nese tempo, cada catro anos, unha moza é secuestrada, torturada, violada e asasinada. A prensa chámaos 'os crimes do libreiro'.
'Malditos' é a terceira novela deste avogado de profesión. Como dato adicional, o seu é o Dereito Mercantil, non o Penal. Precedeu a esta o thriller 'No mientas' e debutou publicando en 2023 a novela histórica 'Un lugar al que volver'.