O desenvolvemento cada vez máis avanzado da intelixencia artificial pode supor para o pequeno comercio, ao mesmo tempo, unha oportunidade e unha ameaza. Para axudalos nese desafío, púxose en marcha un novo programa municipal.
Trátase da iniciativa Pontia, que lideran Mariem Filgueira (Sherpa Empresarial) e Judit Meiriño (Datadefend Solutions), e que nace co obxectivo de "empoderar" o tecido empresarial local e a propia cidadanía na contorna dixital.
Así, baixo a lema "Intelixencia que protexe. Tecnoloxía que impulsa", o programa busca achegar o uso das novas tecnoloxías e da IA aos pequenos negocios da cidade, garantindo a súa competitividade e a súa protección fronte ás ameazas na rede.
"A pregunta non é se nos van a atacar. A pregunta é que día", explicou Judit Meiriño, que insistiu na necesidade de que os comercios se doten de "salvavidas" fronte á dixitalización e que conten cun plan de acción.
As responsables de Pontia instaron a cidadanía a "perderlle o medo" á tecnoloxía porque a IA "non é unha moda senón unha necesidade", ante a que cabe aplicar sempre o "sentidiño común" para potenciar as nosas capacidades.
En materia de intelixencia artificial, Mariem Filgueira indicou que existen múltiples ferramentas que poden axudar aos comerciantes "pero non saben como utilizalas", polo que "daremos instrucións para que lle saquen un maior partido".
A primeira fase deste programa incluirá tres charlas informativas: o 25 de xuño na sede de AEMPE, o 2 de xullo no Centro Leste e o 23 de xullo na Casa da Luz, esta xa aberta a toda a cidadanía interesada en participar.
Dentro dos que se anoten para participar, Pontia seleccionará dez empresas ou profesionais, que recibirán un diagnóstico tecnolóxico individualizado, axuda para a aplicación da IA e un plan de acción de seguridade a medida.
O prazo de inscrición estará aberto até o 6 de xullo a través da páxina web oficial do proxecto, pontia.gal, segundo explicaron os seus responsables.
A edil de promoción económica, Anabel Gulías, destacou que iniciativas como esta axudan a que o comercio local navegue polo "océano inmenso" da tecnoloxía e da IA, tendo un "foco moi especial" na seguridade.
Este "programa a medida", engadiu Gulías, contribuirá a que os pequenos negocios que, "a cotío carecen de coñecemento, tempo ou recursos para aplicar estas ferramentas de xeito seguro", poidan aproveitar estas tecnoloxías.