Marisco cocido, comida mexicana ou pizzas artesanais, entre as novas propostas para o gastromercado

Pontevedra
05 de xuño 2026

Ao non completarse a dispoñibilidade, o goberno municipal avanza que, de maneira paralela a estas incorporacións, comezarán os trámites para volver licitar as catro vacantes

Actividades do Carlos Oroza no gastromercado
Actividades do Carlos Oroza no gastromercado / Mónica Patxot

Cinco novas propostas optan a incorporarse ao gastromercado de Pontevedra. Seis, co único local que segue en funcionamento, A Fervella, que quere renovar a súa concesión.

Así o detallou a edil responsable da área de promoción económica, Anabel Gulías, que informou do avance no proceso de licitación dos postos dispoñibles.

As ofertas presentadas, da que quedou fóra un emprendedor emigrado en Alemaña por incumprir os prazos, son "diversas, conectadas co mercado e de grandísima calidade", sostivo a representante municipal.

Entre elas destaca o denominada 'Marisco do mercado', un cocedoiro de marisco que permitirá degustar os produtos na praza ou levalos a domicilio, "reforzando a identidade mariñeira deste espazo", segundo Gulías.

'Pan e ría', pola súa banda, aposta por unha bocatería artesanal contemporánea, baseada na elaboración de focaccias e na fusión da gastronomía galega e arxentina; mentres que 'Tierra de alebrijes' quere ofrecer comida mexicana de elaboración tradicional.

A elas sumaríanse 'Masa nai', un proxecto centrado na pizza artesanal mediante procesos de longa fermentación e con masas inspiradas no pan de bóla galego; e a comida tradicional de A Fervella, que quere manter o seu negocio.

A sexta proposta, denominada 'A man', sería un obradoiro de mercado que ofrecería degustacións, demostracións culinarias e talleres participativos para visibilizar a transformación do produto local e de tempada.

Anabel Gulías, concejala de promoción económica en Pontevedra
Anabel Gulías, concelleira de promoción económica en PontevedraConcello de Pontevedra

O Concello, de maneira "inminente" procederá a revisar as ofertas económicas e a adxudicar os postos solicitados polos interesados.

Os adxudicatarios terán un prazo máximo de tres meses para completar a súa instalación no posto asignado e adaptarse ao espazo que ocuparán.

Neste proceso de licitación ofertábanse dez prazas, nove postos e un bar. Ao non completarse a dispoñibilidade, o goberno municipal avanza que, de maneira paralela, comezarán os trámites para volver licitar as outras catro vacantes.

Para estes postos, o Concello non descarta ofrecer "condicións máis flexibles" para atraer aos hostaleiros locais para que este gastromercado sexa "o máis participativo posible" ou mesmo que poidan ser ocupados por sectores como a artesanía e o deseño.