PODCAST. Mónica Pérez Sobrino introduce enclaves das Rías Baixas na súa novela 'Juegos infames'

Pontevedra
22 de xullo 2026

'Madame nadie' foi o seu debut como escritora, dous anos despois publica outra novela de corte contemporáneo. Mónica Pérez Sobrino charla sobre 'Juegos infames' no podcast 'Cara a cara'

'Juegos infames' é a segunda novela de Mónica Pérez Sobrino
'Juegos infames' é a segunda novela de Mónica Pérez Sobrino / PontevedraViva

'Juegos infames' é unha novela contemporánea sobre relacións de parella, sobre o lastre dun pasado, os traumas, a renuncia, a culpa, a saúde mental, realidades vestidas nunha ficción.

A súa autora, Mónica Pérez Sobrino, pasa polo podcast 'Cara a cara' para falar da súa segunda novela.

Comezamos polas relacións de parella. Hainas de pulsións intensas como a que inician os protagonistas da historia; outras con enfrontamentos ou con límites; e tamén dominadas pola forza do costume. Relacións de días, de meses, ou de anos.

"Hai pouco unha amiga miña díxome: dez anos de relación e xa terminamos, que fracaso. E eu dicíalle que iso non é un fracaso, é un éxito. Dez anos de relación, de respecto, de agarimo, de coidado... iso hai que celebralo. E acabouse porque todos evolucionamos e ás veces unha persoa vai cara a un camiño e outra cara ao outro. Eu creo que estamos nun momento en que as relacións son moi complexas", comenta.

Seguindo outro vaso comunicante da novela pasamos ao sentido da pertenza nas relacións.

"Creo que hai un instinto de coidado e de querer axudar á persoa que tes á beira que che empuxa a meterche ás veces máis da conta, pero tamén seriamos máquinas e as emocións non serían reais si puidésemos quedarnos sendo testemuñas de como unha persoa sabe como se vai a perder e non facer nada", reflexiona.

E canto do que facemos é consciente ou involuntario? "o tema sobre o que xira esta novela é todo iso. Aí o dilema da novela que é, imaxína que descobres algo que a túa parella non lembra, pero ti sabes que está a condicionar e que está a facer que a súa vida se afunda, que fas?".

'Xogos infames' discorre por escenarios como o Festival de Cine de San Sebastián, Madrid fundamentalmente, pero tamén Combarro, Vigo, Cambados e sobre todo, Cangas de Morrazo.

Obrigado preguntar o por que destes enclaves: "eu pasei todos os días da miña vida no norte, en San Sebastián, ata que me namorei dun galego e pasei moitos veráns en Galicia".

Mónica Pérez Sobrino é xornalista, colaborou con algúns medios e dirixe a súa propia empresa de comunicación. A súa primeira novela 'Madame nadie' a publicou en 2024.

O podcast 'Cara a cara' ademais da entrevista coa autora, inclúe unha recreación sonora das primeiras páxinas de 'Juegos infames'.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora