PODCAST.- Xesús Constela publica 'Doce voz de megafonía', unha distopía para describir a 'hipnocracia' actual

Pontevedra
18 de abril 2025
Actualizado: 9:41

Na novela, mostra como a cidadanía se deixa manipular por quen ostenta o poder e estes fan todo o posible ata conseguir que os cidadáns crean as súas mentiras Charlamos con el no podcast 'Cara a cara'

Xesús Constela no podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio
Xesús Constela no podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

'Doce voz de megafonía' está en librarías desde fai un par de meses. Novela número nove que publica o seu autor, Xesús Constela. Fincado en Poio, ferrolán de nacemento, goza dunha xubilación plenamente activa. Tras unha etapa profesional como docente agora está envorcado no que máis goza: escribir e viaxar.

Empezamos charla por este novo título. Os habitantes de Centro Comercial son confinados nas súas vivendas pola aparición dun virus, sen máis explicación. Un deses cidadáns comezará a facerse preguntas e realizar pescudas que o enfrontan ao poder dado que altera a orde establecida.

A historía mostra unha sociedade absolutamente manipulable e un poder que utiliza todas as ferramentas ao seu alcance para conseguir os seus propósitos.

Distopía?, descrición da orde actual?. O autor expúxose esta trama en 2020, durante o confinamento; aínda que precisa: "o punto de partida é un confinamento pero non menciónase nunca pandemia". Detalla igualmente que a idea de instalar a esa cidadanía en Centro Comercial "parte dun dos relatos do primeiro libro que escribín fai máis de vinte anos, 'As humanas proporcións'. Ese Centro Comercial é unha imaxe da sociedade en que vivimos, sobre todo en Europa. Está levado ao puro frenesí do consumismo".

Preguntámoslle sobre manipuladores e manipulados nesta sociedade global. E tamén da súa intención de provocar cos seus textos ao público lector: "encántame. Gústame deformar a realidade para levar á xente polo camiño que me interesa, non para manipular, senón para conducilos por camiños concretos da literatura".

Constela volveu a pór en mans de Xerais a edición de 'Doce voz de megafonía'. "Levo moito tempo traballando con Xerais, estou encantado do traballo que fan cos meus libros. As edicións están moi coidadas e teño moita liberdade para elixir as portadas que me gustan", sinala.

Neste caso, para a portada escolleu unha escultura do marinense Eusebio Rivero. "No momento en que vin esta escultura pedinlle permiso para pola na portada. É xusto o que estou a escribir. Unha lata vella oxidada cunha chea de persoas que parecen felices de estar dentro, e que non parece que vai a ningún sitio", describe.

E falando de describir e de escribir, non podemos pasar por alto os 'Retallos de mundo' que publica en PontevedraViva e nos que conxuga esas dúas facetas: o viaxeiro e o escritor. "Viaxar achega unha visión distinta do que ves e do que tes aquí e para min iso é grandioso", conclúe.

Ministerio de Cultura. Dirección Xeral do Libro, do Cómic e da Lectura
Ministerio de Cultura. Dirección Xeral do Libro, do Cómic e da LecturaMinisterio de Cultura