PODCAST. Tamara Andrés Padín: "O fenómeno das poetas galegas dos 90 foi moi innovador en moitos sentidos"

Pontevedra
06 de xullo 2025

Convidamos ao podcast 'Cara a cara' a outra das autoras que este fin de semana participa na Festa dos Libros de Pontevedra. É poetisa, tradutora e desde este ano en curso tamén engade a faceta de editora. Tamara Andrés Padín fala de literatura desde as vertentes nas que traballa e conclúe recitando un dos seus poemas

A poetisa, traductora e tamén editora pontevedresa Tamara Andrés
A poetisa, traductora e tamén editora pontevedresa Tamara Andrés /

A invitada a este podcast 'Cara a cara' é oriúnda de Combarro, Poio, e reside actualmente en Pontevedra. A súa formación académica está na Literatura Comparada e na Tradución. Está especializada na obra de poetas galegas contemporáneas. Co inicio deste ano en curso comezou a dirixir a colección de poesía 'Dombate' de Galaxia.

Tamara Andrés Padín conxuga profesionalmente esa nova faceta de editora, a de tradutora e a de escritora de poesía. Ten publicados cinco poemarios en solitario, co segundo deles quedaba finalista do prestixioso Premio Nacional de Poesía Miguel Hernández.

Afirma que esta última vertente profesional que comezou co 2025 está a resultarlle moi enriquecedora. "Recibimos moito e diverso material, o que me está dando a posibilidade de coñecer todo o que se fai en poesía contemporánea e gústame acompañar ao autor neste proceso porque é coñecer o máis íntimo desa persoa", explica.

Devandita circunstancia ofrécelle unha perspectiva directa da autoría galega en verso da actualidade: "é moi dificil reducir as tendencias da poesía galega actual porque son moi diversas. Creo que unha das características é a diversidade de temáticas, de estilos, de formatos...".

Recoñece a súa evolución no tempo transcorrido entre 'Nenaespiraes', o seu primeiro libro de poemas e o máis recente, 'Para non concretarme'. "Nos dous primeiros tiña moito que ver coa identidade e logo foi algo do que me quixen, máis ou menos, afastar. O último ten moito que ver coas viaxes que fago e o meu labor de investigadora e tradutora. Gústame escribir en relación co que observo".

Pasando á Tamara tradutora hai que reivindicar o importante achegue cultural que supoñen - non só na literatura, tamén noutras disciplinas artísticas -, xa que sen o seu traballo habería un descoñecemento, cando non, unha orfandade de títulos e autores entre quen consomen cultura.

"É moi importante que quen traduce non sexa un tradutor automático. Ten que estar moi preto do autor que traduce. Sempre cito a Selma Ancira, de México, que traduce desde o grego. O goberno mexicano achega axudas para viaxar ao país, lugares e referencias do autor que logo traduce. Case vive a vida que tivo. Gústame moito esa visión da tradución", detalla.

O xénero poético non ten as vendas do narrativo, nin tan pouco "é tan extensivo en coñecemento de autoras e autores entre o público", corrobora. Con todo, o dato positivo que achega é que "a poesía galega desde hai bastante tempo ten unha potencia e unha capacidade de exportación bastante interesante. O fenómeno das poetas galegas dos 90, polo que din elas mesmas, foi moi innovador en moitos sentidos".

A súa participación na Festa dos Libros de Pontevedra será este domingo 6. Está na iniciativa 'Le connosco' de Libraría Seijas a partir das 11.30 horas na Casa da Luz. A proposta anima ao público a que traian o seu libro favorito e compartan autores e lectores unha hora de lectura. Ademais de Tamara Andrés estarán Ramón Veiga, Nuría Díaz e Andrea Barreira. Seguidamente haberá un bingo literario e ás 13.00 horas estará asinando libros.