"Atrévome a dicir que quizá esta é a novela máis íntima, ou na que máis apostei, quizais porque a escribín sen preocuparme que puidese pasar", así fala a autora de 'Pretérito imperfecto'.
Xa pasou en ocasións anteriores polo podcast 'Cara a cara' cos seus títulos previos. É Ana Carbajales, escritora amateur, residente en Pontevedra.
Aclara seguidamente que non por maior intimidade signifique autobiográfica. Carbajales explica que presenta no relato "unha escritora que busca un refuxio e nese refuxio atopa máis do que ela esperaba".
Pola súa banda, a protagonista desta historia, Irene, di nun momento determinado da novela: "é unha historia sobre quedar atrapado e logo atopar un oco por onde saír".
A contraportada, explica na súa sinopse: "Irene, unha escritora en crise creativa e emocional, decide refuxiarse nunha leira perdida nos bosques galegos. A súa intención é clara: escribir, recuperarse e empezar de novo".
Ese é o seu propósito, pero estes, non sempre resultan como se agarda: "Cedo vai decatarse de que o que debería ser un retiro pasa a se converter nunha viaxe inesperada cara ao descoñecido, onde a realidade se entrelaza co intanxible e cada encontro esperta nela emocións que cría durmidas".
O título fala dun tempo verbal. "É un título que espertou controversia porque é moi utilizado. Para min é un tempo verbal que explica o sentido desta novela, un pasado que marca e que está latente ata que os protagonistas sexan capaces de darlle un punto final para que non sexa imperfecto", comenta.
Volve a autoeditarse con 'Pretérito imperfecto'. "As catro son autoeditadas e todas as veces xorden problemas diferentes. Chego á conclusión de que nunca sei suficiente. Ao autoeditar tes o dominio das decisións, o que implica tamén que os erros son teus", engade.
A súa primeira novela é de 2020. "Comecei escribir para expresar pensamentos, inquedanzas, preocupacións e, de súpeto, descubrín que me gusta e que non é que non queira, é que non podo deixalo". Declaración pretérita e tamén futura.