Como cada ano, o Día de Rosalía terá o seu eco en Pontevedra. Nesta ocasión será cun recital poético colectivo, aberto a toda a cidadanía, que se celebrará este sábado 22 de febreiro, a partir das doce e media da mañá, no bar Verbena.
Así o anunciaron este martes o edil responsable da área de normalización lingüística, Demetrio Gómez; Lucía Novas, da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG); Cynthia Menéndez e Elvira Jardón, do colectivo O Fruto e a Serpe; e Sara García Polo, do bar Verbena.
"Todas elas saben de poesía moito máis que nós e estamos encantados de nos boten unha man para celebrarmos a nosa poeta nacional", destacou Gómez, que invitou a todas as persoas "ás que lles guste a poesía, a nosa lingua e que gocen con Rosalía" a participar deste acto.
As catro entidades organizadoras proporán que o público lea poemas das obras Cantares Gallegos e Follas Novas, pero sosteñen que "simplemente escoitar este poemas marabillosos vai ser unha auténtica marabilla como xa o foi o ano pasado".
A poeta Lucía Novas, representante da AELG, será a encargada de ler o manifesto que se elabora cada ano para o Día de Rosalía e que, desta vez, é obra da escritora Marta Doval e está artellado entre a idea de reivindicación da lingua, da terra "e tamén hai unha mención a Palestina".
Pola súa banda, Cynthia Menéndez e Elvira Jardón serán as encargadas da ambientación do acto, que terá como fío condutor a unión de Rosalía coa natureza.
Ambas explicaron que escolleron o bar Verbena, onde xa celebran mensualmente un 'rebumbio poético' para visibilizar poetas mortas "e darlle o seu lugar xusto na literatura" porque defenden que é bo achegar a poesía á rúa e nun contexto máis informal.
"A poesía non sempre é unha cousa que está moi lonxe e por enriba de nós", comentou Jardón.
Sara García Polo, pola súa banda, destacou que cando hai uns meses abriu o seu bar, "tiñamos claro que queriamos que fora algo máis que un local de copas", polo que apostaron por poñer en contacto á xente coa cultura nun ambiente máis distendido.
O cartel destinado á difusión do evento conta coa ilustración que Belén Diz creou para a mostra de normalización lingüística, Rosalía coma ti.