Poio celebrará o Día de Rosalía con contacontos e a lectura pública da súa obra

Poio
22 de febreiro 2023

Unha lectura de poemas e dun manifesto, sesións de contacontos para as crianzas e a campaña #FalaBonito son algunhas das iniciativas que este ano o Concello de Poio impulsa para conmemorar o Día de Rosalía de Castro, o vindeiro xoves 23 de febreiro

Macarena Ferreiro, Raquel Rodríguez e Marga Caldas
Macarena Ferreiro, Raquel Rodríguez e Marga Caldas / Concello de Poio

As concelleiras Raquel Rodríguez e Marga Caldas e a responsable da biblioteca municipal, Macarena Ferreiro, deron a coñecer as iniciativas a desenvolver ao longo desta semana co lema ‘Rosalía saca a lingua', que se suma á campaña #FalaBonito, xa posta en marcha nos centros educativos de Poio co obxectivo de incidir na promoción e fomento da utilización da lingua galega entre o alumnado.

O xoves, ás 12.00 horas, a casa consistorial acollerá unha lectura pública de poemas da autora de Follas Novas e Cantares Gallegos. A cita será ás portas do propio Consistorio. 

Ademais, Raquel Rodríguez, edil de Dinamización Lingüística, tamén se encargará de dar lectura ao manifesto elaborado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para conmemorar esta data tan emblemática. Este ano, o texto foi redactado por Carme Adán.

Xa pola tarde, ás 17.30 horas, a Biblioteca de Campelo acollerá o contacontos 'Da miña terra', dirixido a cativos de idades comprendidas entre os 4 e os 11 anos. 

Por último, o venres haberá unha segunda sesión de contacontos, con ‘A mellor sopa do mundo', para crianzas menores de seis anos. 

"Para nós é unha prioridade que as novas e futuras xeracións coñezan e teñan constancia da importancia e do legado que nos deixou Rosalía de Castro a través da súa obra", resalta a edil do goberno municipal.