As augas de Caldas que obraron en Rosalía de Castro "un verdadeiro milagre"

Umia
22 de febreiro 2023

Aproveitando a celebración do Día de Rosalía, previsto para mañá xoves 23 de febreiro, o Concello de Caldas de Reis asinará a súa adhesión como mecenas á Fundación Rosalía de Castro. A autora, lembran desde o goberno municipal, tivo un estreito vínculo con Caldas de Reis e así quedou reflectido nunha carta enviada a Eduardo Pondal en 1864

Plantación de hortensias no monumento dedicado a Rosalía de Castro
Plantación de hortensias no monumento dedicado a Rosalía de Castro / Concello de Caldas de Reis

Aproveitando a celebración do Día de Rosalía, previsto para mañá xoves 23 de febreiro, o Concello de Caldas de Reis asinará a súa adhesión como mecenas á Fundación Rosalía de Castro. Pretenden así contribuír a divulgar e enxalzar a figura desta escritora galega.

Froito deste acordo promoveranse visitas gratuítas dos centros educativos e da cidadanía de Caldas a Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón, e colaborarase en diversas accións para divulgar a súa obra e a súa relación con Caldas.

Rosalía, lembran desde o goberno municipal, tivo un estreito vínculo con Caldas de Reis e así quedou reflectido nunha carta enviada a Eduardo Pondal en 1864, na que lle expresaba os beneficios que lle achegaban as súas augas termais.

"Pola miña banda, pódolle asegurar que as augas de Caldas obraron en min un verdadeiro milagre. Pasei todo este inverno (que foi cru) sen un constipado, cousa que na miña case parece imposible", escribiu a autora na súa misiva. 

Para celebrar o Día de Rosalía, os concelleiros María López, Inés Fuentes e Manuel González, asistiron á plantación por parte do obradoiro de emprego dunhas hortensias ananas no monumento a Rosalía situado no paseo da Tafona, xunto ao río Umia.

Esta escultura, titulada Negra Sombra, foi realizada no marco de Kaldarte 2018 pola artista ourensá Montserrat Gai, e é unha chamada de atención ao problema dos incendios forestais reflectindo a angustia e a dor da perda do poema homónimo de Rosalía.

Ademais, representarase a obra de teatro Rosalía, o domingo 5 de marzo no auditorio municipal, un achegamento teatral á vida da escritora durante a súa infancia, onde o público familiar poderá descubrir a unha nena alegre forte e curiosa. Está dirixida por Fina Calleja.