O centro cultural Xaime Illa de Raxó acolleu este mércores os actos principais da programación organizada polo Concello de Poio, en colaboración coa Sociedade Cultural e Deportiva de Raxó, para celebrar o Día das Letras Galegas dedicado a Francisco Fernández del Riego.
Durante o evento entregáronse os premios ás gañadoras, nas súas diferentes categorías, do XXXI certame literario Xaime Illa Couto, que nesta edición contou coa participación de máis de 130 autores e autoras de diferentes idades, sumando as categorías de poesía e relato curto.
Ademais, tamén foron protagonistas dúas mulleres que, pola súa profesión e traxectoria, son voces máis que autorizadas á hora de analizar a situación do idioma galego en eidos como a comunicación, o xornalismo ou a literatura.
Antes de realizar a entrega dos premios, as comunicadoras Belén López e Sara Vila ofreceron un faladoiro no que contaron as súas experiencias á hora de facer uso do galego nos seus traballos no sector da comunicación.
A maiores, tamén coincidiron á hora de salientar a boa saúde da que goza a literatura e o audiovisual de Galicia, que cada vez acaparan un maior recoñecemento e premios no Estado.
A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, animou aos presentes a quedarse coa reflexión de que "o galego é un idioma que mola" e que "cada vez hai máis xente nova interesada en escribir e expresarse nel", coa importancia que iso supón, especialmente de cara ás novas xeracións.
Unha vez rematada a entrega de premios, o grupo de gaitas da Escola de Música Tradicional de Poio interpretou o himno galego e ofreceu unha pequena actuación.